Resulta que en España existe unha fundación que leva o nome de Francisco Franco. Si, leva o nome dese ditador e asasino que deu un golpe de estado no 1936 e aboliu a liberdade dos españois durante case 40 anos.
Xa ten delito que exista unha fundación con ese nome e que por riba teña como “obxectivo prioritario a difusión da memoria e a obra de Francisco Franco”, tal e como citan os estatutos da mesma. Pero máis grave e indignante aínda resulta que este chiringuito franquista estivese subvencionado con cartos públicos ata o ano 2007, cando o goberno de Zapatero decidiu retirarlle a axuda económica que percibía.
Pois agora, resulta que este organismo cuxa presidencia ostenta a filla do ditador e asasino, reclámalle ao exército que interveña «ante a deriva de España». «El Ejército no puede continuar callado ante la deriva de España, en manos de mafiosos y traidores» e a mensaxe que publicaron na conta oficial en Twitter que ten a fundación.
Como se pode consentir que exista unha organización, sexa pública ou privada, que poida facer enaltecemento do franquismo e que ademais reclame publicamente un golpe de estado poda existir de maneira legal? Realmente estas cousas só pasan en España, un país que non foi aínda capaz de pechar as vellas feridas do pasado e que permite a existencia dun partido de goberno coma o PP, que foi fundado por un ministro de Franco e no que non foi aínda capaz de condenar con contundencia o franquismo e a súa ditadura.
A connivencia do Partido Popular co franquismo é total e queda patente coa infinidade de xestos de moitos e variados membros deste partido que case sempre contan co beneplácito da cúpula dirixente Popular. Lembremos a infinidade de fotos de mozos e mozas membros das Novas Xeracións, na que aparecen facendo o saúdo fascista ou coa bandeira e outros símbolos da ditadura de Franco. Ou as recentes polémicas xurdidas no concello lugués de Baralla nas que o seu alcalde dixo que “os condenados a morte durante a ditadura era porque o merecían”, e que posteriormente o PP foi incapaz de reprobar a este alcalde no Parlamento de Galicia. Existen moitos máis feitos que delatan e poñen de manifesto a forma de pensar de moitos dos militantes e cargos que forman parte deste partido político.
Como dicía antes, España é diferente ao permitir que exista este fundación que fai apoloxía do franquismo e defende as bondades dunha ditadura na que foron asasinadas milleiros de persoas e moitos españois tiveron que exiliarse fóra do seu país para evitar que os matasen. Por citar uns exemplos coñecidos, en Alemaña ou Italia fai anos que existen leis que consideran delito o nazismo ou o fascismo e sería impensable que existise unha fundación dedicada a defender a obra de Hitler ou de Mussolini.
Xa vai sendo hora de que se ilegalice a fundación Francisco Franco ou calquera partido político que non condene o franquismo, e se criminalice calquera acción de carácter fascista. Vai sendo hora que empecemos a ser serios e a respectar e aplicar a Lei da Memoria Histórica, que aínda que non é a mellor e a máis ampla é a que temos.
Delfín Feal
Vai sendo moita hora de ser serios, antes de que aparezca un «salvador», que xa se están postulando, e «pa’máis carallo», si no permites, polo que están esperando caos brazos abiertos.