Sentado nunha sepultura, todo serio e comendo un cacho de pan

Nacín o último día do mes de maio do ano 69. Un gran ano!! Miña nai sempre conta que nacín despois de que ela estivese toda a tarde arrancando cañotos nunha leira na Horta do Cura en Cespón.

Cespón é o sitio no que nacín, unha parroquia do concello de Boiro. O lugar máis festeiro de toda a comarca, temos festa case todos os meses do ano, pero as máis potentes son as de Nosa Señora dos Ánxeles, no mes de agosto. Que ben o teño pasado!!

A miña familia foi humilde, pero moi traballadora. Meu pai (Moncho) foi mariñeiro, primeiro anduvo ao bacalao e despois emigrou para Bélxica. E miña nai (Sofía), como tantas outras mulleres galegas, tiña a difícil tarefa de ser pai e nai ao mesmo tempo; non só se encargaba das tarefas da casa e do campo, ademais era mariscadora. Aqueles si que eran tempos “jodidos”, pero a miña irmá Luisa e a min nunca nos faltou de nada.

A miña infancia foi normal: xogaba ao fútbol, ao trompo, ás carreiras, …, a calquera cousa que xurdira porque sempre fun “moi xogador” -como dicía miña avoa-. As rapazas non me empezaron a preocupar ata os 13 ou 14 anos, aínda me lembro do meu primeiro amor, de María Dolores “a de Iré”. Que tempos!!

Os Estudos

O meu libro escolar

Empecei moi novo na escola, porque como miña nai tiña que ir a traballar falara cun mestre que había en Cespón (don Manuel Graiño) para que me collera na escola sen ter a idade para escolarizarme, e don Manuel acolleume na súa escola, a pesares de que todos os demais rapaces eran tres e catro anos maiores ca min.

Na escola sempre fun un bo estudiante, nunca suspendín ningunha, coa excepción dunha avaliación en sexto de EXB na que me quedaron seis; pero teño escusa, foi porque me operaran de peritonite e non fora á escola varios meses. Lembro que miña nai pegoume cun testo dunha tarteira cando se enterou que falsificara as notas.

Estudei en Cespón ata quinto de EXB e en sexto funme a estudar ao Francisco Franco, a Boiro. Alí empecei a xogar ao balonmán, o único deporte que se me deu ben.

En octavo marchei a estudar a Ribeira, ao Colexo Galaxia. Alí estiven ata que rematei COU e gardo moi bos recordos. Os meus comezos foron bastante malos, xa que como era o novo e encima de lonxe metíanse comigo. Pero un día, cansado de ser o saco das bromas da clase cabreeime e collín ao “chulito” e liámonos a golpes. Incheille un ollo e desde aquela sempre me respectaron.

A miña primeira borracheira, os meus primeiros escarceos amorosos, o meu primeiro pitillo, os meus primeiros desgustos serios … foron en Ribeira, foron no Galaxia. Canto aprendín!!

Nos meus anos en Santiago

Ao rematar o COU había que decidir que facer, meus pais querían que fose á universidade. Eu quería estudiar xornalismo, pero en Santiago non había e tiña que marcharme a Madrid. Estiven a piques de irme á capital do Estado, á casa dun familiar; pero ao final acabei, como a maioría, na capital do Reino de Galicia, en Santiago.

Matriculeime en Dereito (que erro máis grande) e perdín ese ano; esa facultade non era para min. Pero teño que confesarvos que foi o ano no que máis aprendín. Joder!! Imaxinádevos a un rapaz de aldea bastante mimado e vixiado pola súa nai só en Santiago. Creo que non quedou bebida alcohólica que me quedase sin probar nin festa á que ir; ao rematar o curso cheguei á casa con principios de anemia.

Ao ano seguinte cambiei o Dereito pola Filoloxía e a cousa mudou, xa estaba no meu ambiente. Ao mesmo tempo empecei a traballar de camareiro en Boiro; primeiro no Restaurante Oceano e despois na Discoteca Frama, traballaba aos fins de semana e gañaba 15.000 pesetas á semana. Pagaba de pensión 27.000 ptas. ao mes (con comida incluída), así que vos podedes imaxinar quen era o rei da noite santiaguesa. En Santiago acabei de completar a miña formación, todo o que non aprendera en Ribeira aprendino en Santiago e no traballo en Frama. Formación completa!!

A Política

Sempre fun un revolucionario, un activista, un idealista; estaba en todos os “fregados” nos que había que reclamar algo ou defender a alguén, e desde pequeno simpaticei coa esquerda e o socialismo. Miña avoa sempre dicía: “non lle faledes ao rapas de política que aínda vai a acabar coma seu tío Gerardo”. Meu tío Gerardo -irmán de miña nai- morreu fusilado en Boisaca durante a Guerra Civil, acusárono de voar unha ponte en Cespón para que os Nacionais non puidesen chegar a Boiro.

Pero, a pesares de que ninguén na miña casa falaba de política, eu saín de esquerdas e loitador. Afilieime ao PSOE aos 18 anos, e uns meses despois ás Xuventudes. O resto da miña vida estivo vinculada á política: os mellores amigos e amigas atopeinos aquí, o traballo, as alegrías, as decepcións, os inimigos, os coñecementos, a dignidade, e o máis importante … o amor de verdade. Todo eso me dou a política, todo eso me dou o PSOE e o PSdeG.

Fun concelleiro no meu pobo (pouco tempo, é certo), Secretario Xeral do PSdeG de Boiro e do Barbanza, Secretario Xeral das XSG do Barbanza, membro do Comité Nacional Galego, Coordinador de Organización e Acción Electoral do PSdeG. Pero sobre todo fun, son e serei militante socialista.

A Rúa do Pino

No meu despacho con bos amigos do Partido

Traballo no PSdeG -na Rúa do Pino- desde o ano 2001 que me fichou Antón Louro. Empecei para botarlle unha man na secretaría de Organización e para a campaña electoral das autonómicas dese ano, nas que por primeira vez se presentaba Emilio Pérez Touriño. E desde aquel mes de xaneiro cheguei ata aquí, 11 anos; e que conste que cando empecei era por pouco tempo.

A verdade é que na Rúa do Pino fixen case de todo, pero puiden desenvolverme nunha actividade que me gusta especialmente: as campañas electorais e todo o que as rodea. Nós últimos tempos por diversas causas, que algún día contarei, funme reciclando e adentrando noutros campos. Cambiei os estatutos, os regulamentos e os expedientes pola cámara de fotos, a de vídeos e as redes sociais.

Pasei anos marabillosos nos que fun tremendamente feliz no meu traballo; anos nos que coñecín a moitísima xente e me atopei con excelentes persoas. Con militantes de verdade que loitan e traballan en situacións moi adversas, que poñen cartos do seu bolsillo e horas da súa familia polo Partido Socialista e por defender as súas ideas; pero, desafortunadamente non todos os que me atopei no camiño son así.

Rúa do Pino tamén me regalou o amor, xa que alí coñecín a Eva, a persoa que máis feliz me fixo sentir e coa que comparto a miña vida. E non poño máis cousas porque sei que non lle gusta.

Pero tamén me regalou a amizade, alí atopeime con Diego, con Fernando, con Anxo, con Darío, con Loli, con María, con Antón, con Carnota, con Iván, con Ánxela e Carlos, con Mar, con compañeiros e compañeiras cos que pasei bos e malos momentos, cos que me rin e cos que chorei.

O máis persoal

Un rapaz portugués que coñecín en Santiago cando estudaba sempre dicía que “os amigos cóntanse cos dedos dunha man e aínda sobran dedos” e tiña razón; na miña man sempre hai un dedo para Lage. Con el teño compartido miles e miles de cousas, Lage non é o un amigo, é un irmán.

Paula, Nerea e Eva xogando na praia

E loxicamente teño que falarvos de Paula e Nerea, as miñas nenas. Como pasa o tempo!! Aínda me lembro do día que naceron, eso si ningunha veu con presa. Tal e como son agora, tranquilas sen agobios. Unha persoa non sabe o que é o amor de verdade ata que ten un fillo. Hai días que che dan ganas de … puf!! non sei!! Pero outros non te cansas de abrazalas e bicalas.

O resto da miña familia non é moi grande, somos poucos: Moncho e Sofía, meus pais; miña irmá Luisa e meu cuñado Lis; Diana e Leti, miñas sobriñas; Alberto, meu sobriño político (é do Real Madrid, que vos vou contar); Carlota, a filla de Diana e Alberto, que creo que ven sendo miña sobriña-neta; de Valeria aínda non vou dicir nada direivos que xa naceu e que é un sol, igual que súa irmá.

Da miña familia só podo dicir que seguramente non é a mellor do mundo, pero é a miña familia; podo berrar con eles ou enfadarme pero non atoparei a ninguén que me queira e me defenda coma eles.

Teño que volver a falarvos de Eva (aínda que se enfade) porque ela é a miña compañeira, a miña amiga, o meu amor. Non fai moito que estamos xuntos, pero durante o pouco tempo que levamos fixo sentirme especial. Eu nesta vida só desexei ser feliz, e con Eva conseguino (aínda que de vez en cando enfadámonos) e sempre lle estarei agradecido porque unha muller coma ela -guapa e lista- enamorouse dun tipo coma min -feo e borde-; e sobre todo porque foi capaz, non só de acoller ás miñas fillas, senón que tamén as coida e quérelles. Grazas meu amor!! E tamén lle teño que dar as grazas a Jaime (tamén é do Real Madrid), a Manola, a Gonzalo, a Luz Divina e aos Juans porque se portan moi ben comigo e miman moito a Paula e a Nerea. E nesta vida hai que ser agradecidos.

Remato xa, porque isto xa case son unhas memorias. E déstesvos conta de que non vos falei do Barça?

 

ACTUALIZACIÓN

29/04/2015 Os anos pasan e a vida vai cambiando, e é bo ir metendo cousas na mochila vital e comentando novos acontecementos. Direivos que no 2012 empecei a colaborar co PSdeG-PSOE de Ames e entrei a formar parte da súa Executiva Local. Encomendáronme a tarefa de ser o responsable de Comunicación. Confésovos que foi unha decisión moi acertado a de integrarme neste equipo formado por moi boas persoas e moi traballadoras, poder compartir momentos con Paco, Isa, Jose, Elisa, Beiro, Pazos, Manolo, Ernesto, … e máis tarde a Chema, Begoña, Víctor e moitísimos compañeiros e compañeiras que son estupendos.

En xuño do 2014, por azares da vida e da política puiden entrar a formar parte da corporación municipal como concelleiro, e iso que non iba na lista; pero unha serie de dimisións provocaron que houbese que incluír a alguén de fóra e déronme esa oportunidade. Grazas, por permitirme facer algo do que máis me gusta: poder traballar e servir aos veciños e veciñas de Ames.

Despois de case un ano, teño que dicirvos que estou encantado, e ademais, que formo parte da candidatura dos Socialistas de Ames ás eleccións municipais. Ao que teño que reiterar novamente as grazas, e amosar a miña ledicia por poder seguir realizando un traballo, e poder coñecer a outras persoas que son sinxelas e humildes e que só pensan en traballar e axudar para que Ames volva a ser un concello punteiro e de progreso, e remate cos escuros anos de goberno do PP.

31/08/2015 Cústame acordarme de actualizar esta bio, e hoxe que estiven a darlle un repaso á web vin que aínda non actualizar a información postelectoral. Pois iso, que xa foron as municipais e o resultado en Ames fixo posible que o Partido Socialista volvese a acadar a alcaldía. Si!! José Miñones é o novo alcalde de Ames e os socialistas formamos parte do goberno, é máis, estivemos case un mes nós só no goberno (Jose, Isa, Luisa e eu) con todas as concellarías, ata que chegamos a un acordo con Contigo Pódese e o BNG e conformamos un equipo de nove persoas, sen ter a maioría absoluta, é certo; pero, un goberno que nos permitirá desenvolver unha labor digna e en beneficio dos e das cidadás. A min, como concelleiro de goberno, correspóndeme asumir as delegacións das concellerías de Obras, Urbanismo, Servizos Básicos (Auga e saneamento, Lixo, Limpeza viaria, cemiterio), Tráfico e Vivenda; así, que como vedes queda unha inmensa labor por diante a cal espero desenvolver coa maior eficacia posible e sempre pensando no mellor para os veciños e as veciñas de Ames. Ademais, temporalmente deixei o meu traballo no PSdeG ao coller unha dedicación exclusiva no Concello.

19/03/2016 Non levo moi ao día isto das actualizacións, e quédame por poñer unha das cousas máis importantes que me pasou ata o de agora: o nacemento de Xaime. Se o nacemento de Paula e Nerea foron importantísimos, quizais o mellor que teño feito ata o de agora, o de Xaime non o é menos. Xaime naceu un catro de xaneiro e nestes meses medra con normalidade. Chegou con pouco peso (2.500 gr.) e por cesárea pero iso non foi obstáculo para que medre e engorde. Agora xa anda polos 5 quilos e como di súa nai, é achegadiño á gana de comer.

13/08/2019 Volvo a este espazo para contarvos novas cousas acontecidas nestes últimos anos, e así poder manter máis vivo este pequeno anaco da miña “historia”, O pasado mes de maio, como xa moitos e moitas saberedes celebráronse as eleccións muicipais, e o goberno socialista de Ames acadou un importante apoio dos veciños e as veciñas, pasando de 4 a 8 concelleiros e concelleiras, e a ser primeira forza. Eu repito como concelleiro delegado de Obras, Servizos Básicos e Protección Civil, e espero seguir realizando ese traballo de contacto e atención directa coa veciñanza. A maiores o pasado mes de xullo fun elixido Deputado provincial polos meus compañeiros e compañeiras do partido xudicial de Compostela, e na Deputación desenvolverei as tarefas de Deputado de Promoción Económica e Atención a Concellos, a cal espero que sexa positiva e produtiva para a provincia, pero sen esquecerme nunca do meu concello, de Ames.

Se queredes saber algo máis deixádeme un comentario que volo contestarei encantado.

Máis fotos

Posando na casa de meus pais
Con meus pais e miña irmá Luisa
Non podía faltar a foto da comunión

 

Un pouco enfadado, xa de pequeno amosaba dotes de borde
Na moto de meu pai