Intervención no pleno de elección de alcalde

O pasado xoves (8 de abril) celebrouse o pleno no que fun elexido alcalde de Ames, e quero compartir con vós a miña intervención.

Saúdos aos presentes e aos que están véndonos desde as súas casas.

Fai xa case dous anos, cando tomabamos posesión ilusionados neste mesmo auditorio, ningún dos presentes pensaba que nos tocaría vivir a pandemia máis grande da historia. Unha pandemia que nos fixo ter que recluírnos durante varios meses nas nosas casas, que fixo pechar empresas e negocios, sendo moitos e moitas as traballadoras que se viron na obriga de ir ao paro ou a un Erte, e demasiados os veciños e veciñas que sufriron nas súas carnes este maldito virus, perdendo mesmo a xente da súa familia.

Naquel mes de xuño do 2019, ningún de nós estaba preparado para loitar contra esta situación da que seguro sairemos. E a única maneira de facelo é xuntos e unidos.

Decidín comezar a miña primeira intervención como alcalde de Ames falando desta crise sanitaria, ademais de por respecto ás vítimas que nos deixou e nos deixa a día de hoxe, porque creo que tamén temos cousas que aprender dela. Quero que a xestión desta crise nos sirva como exemplo aos que hoxe conformamos esta corporación para concienciarnos de que a política serve para moito máis que para a crítica, a liorta ou o cabreo. A política serve para cambiar a vida das persoas e en momentos coma este é cando debemos de amosarlle á cidadanía que estamos aquí para traballar por e para eles, para nada máis. Centrarnos en ser máis útiles, máis serios e máis responsables, deixando de lado os xogos políticos e partidarios para traballar todos e todas xuntas pola nosa cidadanía.

Non fai moitos meses, trasladamos ao pobo de Ames unha mensaxe de unidade e respecto, traballando xuntos e coordinados para poñer solución aos problemas dos nosos veciños e veciñas, dos nosos autónomos, do noso comercio e da nosa hostalería. E iso non pode ser un feito illado, a excepción!! Senón que debe ser a nosa liña xeral de traballo: a senda pola que camiñar todos os pasos que nos quedan por dar.

Esta pandemia rematará e non debemos de esquecer o sufrimento pasado, senón que temos que aprender del e seguir loitando xuntos por mellorar e axudar aos nosos veciños e veciñas. Por iso vos pido esta noite que deamos un paso adiante, comprometéndonos a traballar conxuntamente e en unidade. Non vos pido aos grupos da oposición que deixedes de facer o voso traballo de fiscalización e control, todo o contrario, o que vos pido é que o fagades con firmeza, pero que sexa con lealdade e de xeito construtivo. Que nos respectemos unhas forzas ás outras dentro dos límites que marca a democracia e a convivencia.

Por iso vos tendo a miña man para que antepoñamos sempre o interese de ames e dos e das amesás a calquera política partidista.

Sempre digo que gobernar non é doado, e cando se goberna hai que tomar decisións que non sempre gustan a todo o mundo, e en ocasións son erradas. Pero facer oposición tampouco é fácil, e en moitas ocasións é unha tarefa ingrata. Procuremos entre todos facilitarnos o traballo e complementar a xestión diaria da nosa función con máis diálogo, máis participación e máis consenso; fagamos do concello a casa común de todas e de todos. Como xa dixen: a miña man queda tendida para ese compromiso común de traballo conxunto. Sexamos un exemplo para a cidadanía de Ames. Fagamos posible que os veciños e veciñas se sintan orgullosos de nós.

A miña porta estará sempre aberta á veciñanza, como xa o estivo nos últimos anos. A participación será un eixe fundamental que rexerá a política deste goberno, xa que é por vós por quen estamos aquí, e é algo que sempre debemos ter presente.

E por iso que hoxe quero saudar especialmente as asociacións veciñais que se encontran presentes, e ás que non puideron vir, así como ao resto de colectivos municipais: Grazas aos representantes das asociacións de

– Tapia

– Bugallido

– Trasmonte

– O Reguiño

– Lens

Fai uns anos decidín vir vivir a Ames, e recoñezo que nunca se me pasou pola cabeza que podía chegar un día coma o de hoxe. Pero a vida da moitas voltas, e temos a costume de mirala cas luces curtas e non a enfocala con perspectiva do futuro. Neste tempo que levo aquí convertinme nun amesán máis e tiven a sorte de que un dos meus fillos xa naceu neste fermoso concello. Pero o meu caso é un de moitos, xa que Ames é un concello de acollida, formado por persoas humildes e traballadoras que chegaron aquí dende infinidade de lugares de todo o mundo, buscando crear un fogar para vivir en paz e tranquilidade. Escolleron o noso concello para construír o seu futuro. E o meu compromiso, e deste goberno que agora encabezo, é o de seguir traballando a diario para que poidan vivir o mellor posible, dándolle as infraestruturas e servizos de calidade que precisan, pero tamén algo moi importante nestes momentos: estabilidade.

Nos últimos seis anos, este Trigoberno —como lle gusta denominalo ao noso anterior alcalde, José Miñones— foi un referente pola súa forma de actuar, pois tres partidos diferentes (con formas de pensar diferentes en moitos casos), fomos capaces de aparcar estas posibles diverxencias e estratexias para converternos nun único goberno cun obxectivo común: Ames!! E fomos capaces de ser pioneiros ou avanzadilla da chamada nova política, que non é outra que o talante, o consenso e o diálogo. O gran protagonista deste logro foi José Miñones, converténdose na figura referente, no mediador en cada posible diferencia. Pero tamén xogaron un papel fundamental Genma Otero e David Santomil, sabendo ceder en moitos momentos.

Hai un refrán que di que o que funciona non debe de cambiarse, por iso a miña intención é manter unha política continuísta cos mínimos cambios posibles. Quedan moitos retos pendentes e moitos proxectos para desenvolver, e ideas temos a moreas, polo que o único que nos queda é seguir traballando paso a paso, dando o mellor de cada un de nós no día a día que nos queda por vir.

Non me quero estender moito máis porque ás 10 hai toque de queda e temos que volver para a casa, polo que vou a rematar cos agradecementos, porque de ben nacidos é ser agradecidos.

Vou a empezar polo comezo, e o meu comezo en ames está ligado a Paco Villaverde e a Gustavo, que foron os que un día viñeron a falar comigo aló polo 2013 para que lles botase unha man no partido.

A Isa porque sempre estivo aí nas duras e nas maduras, e a pesares de que berramos moito e moitas veces, ela sabe o moito que lle quero.

Aos compañeiros e compañeiras do Partido que me deron sempre o seu apoio e me recibiron cos brazos abertos. Aos compañeiros e compañeiras do grupo municipal e de Gabinete; e aos membros das diferentes candidaturas do PSdeG-PSOE.

A Jose Miñones, quen pasou de ser un compañeiro a ser un amigo. Levamos moitos anos compartindo correos, whatsapps, chamadas, e como dixen fai uns días: pode marchar coa cabeza alta para esa nova responsabilidade. Eu con chegar ao teu nivel de xestión e bo facer, xa me conformo.

Aos membros da corporación actual e ás anteriores.

E quero facer unha mención especial de agradecemento aos traballadores e traballadoras do concello de Ames, porque son o verdadeiro motor, e sen eles e elas non seriamos capaces de conseguir nada.

Ás amizades que sempre me apoiaron, e en especial a dúas que hoxe están aquí presentes e que nos últimos tempos son un soporte importante: Teresa e Lage.

E rematar lembrándome do máis especial e importante para min: a miña familia, en especial Xaime, Nerea, Paula e Eva que comparten moitas veces os meus cabreos, problemas, malos momentos, … Pero que sempre estiveron e seguirán estando aí, ao meu carón.

E lembrarme de Moncho e Sofía, meu pai e miña nai os cales me inculcaron dende moi pequeno que nesta vida hai que ser humilde e nunca debe un de esquecerse de onde vén. Miña nai díxome moitas veces que a mellor herencia que se lle pode deixar aos fillos e ás fillas é a honradez, e eu espero seguilo cumprindo como ata o de agora.

Moitas grazas a todas e a todos. Eu só espero seguir sendo o mesmo e non defraudar a ninguén. Seguir traballando da vosa man para facer de ames o concello que todos e todas queremos. Grazas.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.