Gambito de dama (2020)

Non hai dúbida que Gambito de dama é unha das serie top do 2020, e así o indican os datos e cifras da súa repercusión mediática e social. E eu, debo de recoñecer que comecei a ver esta serie por toda esa influencia e comentarios que foron aparecendo tantos nas redes sociais como nos diversos medios. En condicións normais é certo que nunca vería esta serie, xa que nin a temática nin a época, nin os demais condicionantes da mesma ten algo que me chame a sentarme no sofá da casa.

Algo que realmente me animou a explorar esta serie sobre o xadrez foi que sexa unha miniserie de pouco máis de media ducia de capítulos. Pero, dito todo isto, teño que dicir que me deixou unha sensación positiva e que cheguei a pasar bos momentos mentres vía a Beth mover as pezas no taboleiro e ir gañando un tras outros a todos os homes que se poñían no seu camiño.

O comezo

Recoñezo que nunca aprendín a xogar ao xadrez, seguramente aquelas persoas que xogaron algunha vez desfrutarán máis desta miniserie; aínda así ten moitos outros aspectos no seu argumento ao longo dos capítulos que che interese Gambito de dama. A min resultoume realmente interesante o seu comezo, e os primeiros pasos desa nena que trasladan a un orfanato e por tanto a unha nova vida. Unha nena apoucada e tímida que comeza a dar os primeiros movementos no mundo do xadrez iniciada por un conserxe, ao que xamais esquecerá; ademais de descubrir un camiño de pastillas verdes que a marcaría durante toda a súa vida.

Son sete episodios de duración variada, pero que non superan a hora, e polo tanto cómodos de ver, algúns incluso se me fixeron curtos; tamén é certo que houbo tramos doutros nos que desconectei.

Que destacar

É unha serie que ten varios aspectos aos que atender, e polo tanto que eu destacaría. Dun lado o papel hiperprotagonista de Beth Harmon, no que se centra a serie en exclusiva. Hai outros personaxes de relevancia no desenvolvemento da trama, pero todo xira en torno ao papel que interpreta Anya Taylor-Joy: desde o tráxico comezo, ata as súas adiccións, a soidade, a dificultade para amar, a heroicidade e a súa capacidade para xogar, etc. todo isto axudado porque a cámara non se alonxa nunca dela e logra esa preponderancia e exclusividade.

O ben tratado que está a época e o entorno no que se desenvolve a serie, amosando aspectos como o vestiario, a decoración, os vehículos, etc. que trasladan de forma limpa á metade do século XX. A verdade é que me fixei en aspectos que nunca me chaman a atención de maneira especial, tal e como son a roupa que usa Beth Harmon e a súa evolución ao longo dos capítulos, sobre todo desde que as “pijitas” dos instituto se rien dela. Vestidos e zapatos bonitos e moi apropiados, en especial o vestido branco e a boina do final da serie.

Tamén me gustou a decoración das vivendas e dos hoteis nos que xogaba, con moitos cadrados e moi pulcra. Repito que estes son aspectos que nunca me chamaron a atención.

Destaco tamén o problema da xadrecista coas relacións persoais e o trato que lle da en ocasións a aquelas e aqueles que se intentan portar ben con ela. Aínda que imaxino que será todo debido á súa triste vida e á falta de afecto materno e de amigos de verdade durante a infancia.

Para rematar destacar o bo trato que se lla ao xogo e aos campionatos de xadrez, aínda que se lle teño que poñer unha pega sería polo curtas que son as partidas, cando nos campionatos de verdade duran varios días; e, pola rapidez dos movementos, cando xeralmente estes poden botar horas. Ademais aquí nunca hai táboas, sempre gaña alguén.

O feminismo que se respira na propia serie, onde unha muller feita a si mesma entra nun mundo de homes e compite directamente contra todos eles, chegando a convertirse nun referente .

A Banda sonora

Preciosa e moi coidada a banda sonora desta serie, que nos trae música dos anos 50 e sobre todo da década dos 60. Banda sonora que axuda a envolver aínda máis a época na que se desenvolve e logra engancharnos a algunhas das escenas máis importantes da serie. Sen esquecer que consegue que destaque aínda máis o hiperpersonaxe que interpreta Anya Taylor-Joy.

Escoitar aquí a BSO

Anya Taylor-Joy

Nunca tiña visto, que eu recorde, ningunha serie ou película intrepretada por esta actriz, pero o seu papel na serie de Netflix é espectacular, e parece que foi feito á medida para ela. Será unha actriz que seguirei a partires de agora.

Anécdotas

Ten esta serie varias anécdotas e temas a destacar, aínda que sen dúbida o máis relevante é o impacto xeral que tivo esta serie que se estreou no mes de outubro, e paso a darvos unhas cifras:

  • Bateu o record de Netflix en visualizacións: 62 millóns durante o primeiro mes. Ademais é a máis vista en 63 países e entre as 10 máis vistas en 92.
  • As vendas de taboleiros de xadrez subiron un 1,048% nas últimas semanas.
  • A Federación Internacional de Xadrez, onde o 16% da súa comunidade son mulleres, indicou que inscribiron mais mulleres nestas últimas dúas semanas que nos últimos 5 anos xuntos.
  • A novela orixinal do 1983, do americano Walter Tevis, na que esta inspirada a serie, volveu ao top de vendas en New York, 37 anos despois.
  • As procuras en Google de “como xogar xadrez”, lograron record que non se viron en 9 anos nese campo
  • Os usuarios de chess.com aumentaron un 400%.
  • As procuras en Ebay e Amazon de taboleiros de xadrez subiron un 250%.
  • Os vídeos titoriais en Youtube para aprender a xogar xadrez e as partidas históricas alcanzaron millóns de reproducións nos últimos 15 días.
  • A Federación Internacional de Xadrez di que hai 30 millóns de nenos rexistrados nalgún programa de xadrez e que grazas á serie, estiman que ese número chegará a 50 millóns antes do 2021.

Como se pode comprobar, o impacto da serie é brutal.

Colaborou como asesor o campion do mundo de xadrez Garri Kaspárov.

Valoracións

Plataforma: Netflix

Episodios: 7 (de entre 45 minutos e 1 hora aprox.)

O máis destacable: A serie en si

O mellor papel: Anya Taylor-Joy

Puntuación: 8/10

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.