Abocados a votar (outra vez)

Publicado Persoal, Política, PSOE 1

Vou a comezar dicindo que non son eu sospeitoso de non ser «Pedrista», e moito menos de non ser socialista ou querer o mellor para o Partido no que levo militando desde fai desde o ano 1.988. E quero aclarar isto porque a opinión que vou a expresar agora seguramente que haberá varios compañeiros e compañeiras que non coincidirán con ela por diversas razóns.

Pasaron xa varios meses desde que se conformaron os gobernos municipais aló polo mes de xuño, e polo tanto unha ocasión estupenda para que a posteriori se constituíse un goberno no estado presidido por Pedro Sánchez. Pero, a realidade tres meses despois é triste e pouco optimista, e o futuro preséntase bastante escuro de cara á posibilidade da reacción dun goberno neste escaso mes, e polo tanto parece que estamos abocados a ter que acudir novamente a votar, o que vai a representar un enorme erro por varias razóns: tres eleccións en menos dun ano, a mostra da incapacidade dos actuais políticos para chegar a acordos, o resultado incerto, o gasto, etc.

O que está claro é que os culpables de toda esta situación son os actuais líderes políticos (todos e todas sen excepción) os cales amosan unha total incapacidade para chegar a acordos e pactos que redundan unicamente en beneficio dos e das cidadás. Non son capaces de deixar a un lado o tacticismo, a estratexia, a prepotencia e o orgullo e centrase en exclusiva no ben do Estado, e no ben das persoas. Levamos case desde comezos deste ano cun goberno en funcións, e de seguir así imos a ter que continuar na mesma situación ata comezos do ano que vén; sendo optimistas, porque que garante que o vindeiro resultado electoral vaia a permitir os acordos necesarios para conformar goberno despois?

Eu, sinceramente, e facendo unha reflexión interna, considero que o meu Partido non fixo o traballo e o esforzo necesario para poder chegar a acordos para ter un executivo antes do verán (aquí é onde moitos compañeiros e compañeiras do PSOE me van a criticar) Creo, honestamente, que os e as dirixentes socialistas non se esforzaron o suficiente para poder investir presidente a Pedro Sánchez e creo que se confiaron e se centraron e asuntos menos importantes nese momento antes de poñerse a negociar e a falar con todas as forzas políticas que eran proclives a un apoio para conformar goberno. Non se pode deixar pasar todo o mes de xuño sen sentarse a falar seriamente con ninguén e despois chegar á investidura sen os apoios de partidos clave.

Xa no seu momento me amosei favorable a un acordo de goberno con Podemos porque é positivo buscar novas vías de colaboración a nivel estatal, que xa nos concellos e nas autonomías levamos poñendo en práctica fai anos; e, porque creo que resulta enriquecedor para a política española probar a filosofía dun goberno de coalición, especialmente para a esquerda, a que é tan singular nas súas ideas, sobre todo unha parte que se cre a defensora real e única das esencias progresistas. É certo, que considero que a negociación mantida con Unidas Podemos foi bastante ácida (no seu amplo termo) e non beneficiou a ningunha das partes, e que acadou poñer de manifesto a incapacidade de entendernos, e o que é peor, de respectarnos. Iso si, creo que a última proposta feita polo PSOE foi unha moi boa proposta e que Unidas Podemos pecou de avaricia cometendo un erro brutal ao non aceptala e permitir un goberno de coalición no mes de xullo. Xa non entro a valorar outras cuestións de vetos, propostas programáticas inexistentes ou interese por conseguir cadeiras a toda costa, o que só nos presentou un espectáculo vergoñento.

Pasado ese triste momento e a piques de entrar no mes de setembro chegou o momento de deixarse de xogar e de pensar en estratexias ou en como contar mellor o relato final. Agora hai que arremangarse e poñerse a falar en serio para chegar a un acordo, sexa cal sexa. Pero non debemos (deben) de consentir nin permitir que teñamos que celebrar unhas novas eleccións, porque iso pode ser funesto para España, xa que se hai algo do que non teño dúbida, e que xa quedou demostrado estes meses, é que a dereita de ter ocasión si chegaría a un acordo inmediato. Imaxino que os asesores e estrategas de ambos partidos (PSOE, Podemos e confluencias) terán claro que a mobilización do votante progresista non vai a ser o mesmo que no mes de abril, e polo tanto esa abstención só vai a favorecer aos de sempre.

Confeso que eu nunca vin Juego de Tronos, eu son máis clásico e fun seguidor de El Ala Oeste de la Casa Blanca, e nunha situación como esta o presidente Bartlet iría a visitar en persoa ao líder do outro partido e non sairía da súa sede ata que tivesen un acordo. Por iso, creo que agora é o momento de estar á altura e onde se ven os líderes; agora é o momento de aplicar o sentido común e pensar no ben de todas esas persoas que tanto necesitamos que haxa un goberno (eu sigo apostando polo goberno de coalición) que poida empezar a poñer en marcha as políticas progresistas e de esquerdas.

  1. Charo
    | Responder

    Estimado Blas: eu penso que o principal problema é buscar a solución deste conflicto de intereses.
    Para chegar a un acordo o principal factor é a intención de acadalo. Si vas pensando en que ti tes a razón é a outra parte ten que asumir a túa tese non hai vontade de negociar. É así é moi difícil
    Temos que mirar dende outra perspectiva: temos que ganar tod@s e para eso tod@s temos que perder (ceder) algo.
    Poñerse outra vez no punto de partida vai ser moi complicado.
    Eu creo que repetir eleccións é a peor opción.
    Pero un goberno de coalición con personalidades con megalomanía ten que ser moi complicado.
    Eu prefiro un goberno en solitario do Psoe sin dúbida ningunha. O tempo dirá. Si queremos chegar a acordos temos que cambiar os escenarios. Menos espectáculo e máis vontade negociadora.

Responder a Charo Cancelar respuesta

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.