Intervención no Día de Galicia 2019

Este ano volvín a intervir en representación dos e das Socialistas de Ames no Día de Galicia que celebra o Concello de Ames, e no que homenaxeamos, ademais, a Filomena Fraga, unha muller de Agrón que se erixiu como exemplo de loita pola igualdade e exemplo e superación persoal, xa que con 70 anos publicou “A Cancela”, un libro de poemas e outras cousas.

Aquí vos deixo a miña intervención:

Fai un ano estábamos neste mesmo entorno celebrando o Día de Galicia, e aquí mesmo reivindicábamos o papel da muller en Galicia dicindo:

Galicia é patria, Galicia é terra, é saudade, é auga, …, Galicia é nai, Galicia é muller. E hoxe nós, desde estas pequenas liñas, no día nacional de Galicia, neste día, desde o grupo socialista queremos reivindicar o papel da muller no desenvolvemento da sociedade galega.

E esas verbas seguen a estar moi presentes, e máis despois de ter que celebrar fai un anaco unha concentración contra o machismo e a súa violencia que vén de asasinar a unha das nosas, a unha muller de Vilalba, e desde aquí queremos dicir: xa está ben!! Non é non. Non máis asasinatos, non máis violencia, non máis machismo … e Si é si. Si ao respecto, si á educación, si á igualdade.

O Día de Galicia non debe de celebrase unicamente o 25 de xullo, o Día de Galicia debe de ser todos os días, de luns a domingo e de xaneiro a decembro. Porque todas e todos os galegos debemos de sentirnos orgullosos da nosa terra, da nosa lingua, da nosa cultura, … debemos de sentirnos orgullosos de ser galegas e galegos.

Nós non necesitamos un día para facer festa, ou para saber se subimos ou baixamos, nin para sentir morriña, para ir de troula ou facer unha churrascada con criollos e panceta. Non fai falta celebrar nada para botarlle un aturuxo, ou que soe unha gaita ou mandar a alguén ao carallo. As galegas e os galegos temos ese sentimento todos os días e non o ocultamos intentando falar castelán con acento de Valladolid, porque nos sentimos orgullosos e orgullosas da nosa lingua, do seseo e da gheada, e de ser como somos.

Pero as galegas e os galegos o que temos é DIGNIDADE, por iso nos sentimos orgullosos do noso, pero iso non quere dicir que nos conformemos. Diso nada!! Seguimos traballando por mellorar o noso País, a nosa Patria. Continuamos loitando por defender a nosa terra e o noso medio, por mellorar a calidade de vida dos nosos veciños e veciñas cun mellor benestar social e máis igualdade, máis e mellor emprego e buscando unha economía forte e equitativa.

Queda moito por facer e temos por diante moitos retos para que Galicia sexa moderna e camiñe con paso firme cara o futuro, pero ese percorrido temos que facelo todos e todas xuntas. E en Ames xa empezamos a deseñar esa senda que nos levará cara o progreso. Ames é concello referente en demografía, xa que somos o concello máis mozo de Galicia e un dos máis mozo de España, cunha poboación activa que supera ás 3 persoas por cada pensionista. Somos referente e exemplo para moitos en participación, diálogo e consenso; na protección social, o benestar e as políticas de conciliación; na defensa do noso entorno e a protección dos nosos montes; na potenciación da nosa lingua e a nosa cultura; ademais fomos capaces de converternos nun concello saneado e sen débeda bancaria. Pero en Ames tamén sabemos que os logros e os avances non se conseguen sós, que son froito dun traballo conxunto e unido, pensando unicamente nos veciños e as veciñas; por iso, desde o grupo socialista aproveitamos para facer un chamamento á colaboración e á xenerosidade de todos os grupos para camiñar conxuntamente pola senda do progreso e cara o futuro.

Sintámonos orgullosos e orgullosas de Ames e de Galicia todos os días.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.