Vivir da política!!

Publicado Ames, Concello, Política | 0

pleno

Sólo quieren vivir de la política!! Isto escribiuno fai uns días un veciño de Ames nun comentario de Facebook no que criticaban ao goberno municipal. Está claro que o máis doado é pensar iso, e este é un dos comentarios máis socorridos para criticar na actualidade a aqueles que temporalmente nos dedicamos á política a un nivel máis “profesional”, no meu caso e no dos meus compañeiros e compañeiras de Ames cunha dedicación plena que comeza habitualmente en torno ás 8 ou 8 e media da mañá e remata entre as 3 e as 4 da tarde para ir a xantar; e despois, en función dos días e das axendas con actividades e xuntanzas de tarde e tamén os fins de semana. Está claro que ninguén nos obriga a ser concelleiro ou concelleira, e que se estamos aí é porque queremos e por certa vocación de servizo público; pero tamén é certo que ninguén nos obriga e controla para facer eses horarios nin a traballar máis ou menos, pero facémolo por responsabilidade e porque, como dicía antes, temos unha vocación de servizo aos veciños e ás veciñas de Ames.

Eu podo entender que haxa xente que desconfíe dos que nos dedicamos a isto da política, por desgraza nos últimos anos houbo e hai casos de corrupción que orixinan que a imaxe da política estea cada vez máis degradada, pero contra o que me revelo é contra a xeneralización e que se nos meta a todos e a todas no mesmo saco. Os tempos, por sorte, cambiaron e os controis son cada vez máis férreos e a concienciación tamén é maior. De todos os xeitos é bo explicar que en España hai máis de 8.000 concellos, e polo tanto hai máis de 8.000 alcalde e alcaldesas e cerca de 100.000 concelleiros e concelleiras, co que porcentualmente os casos de corrupción, aínda que totalmente rexeitables, son menos dos que poden parecer, e polo tanto, son máis os que desempeñan o seu posto con honradez que os que non o fan. Igual que pode acontecer en calquera profesión: funcionarios, electricistas, fontaneiros, taxistas, comerciantes, xornalistas, etc. Isto lémbrame unha anécdota dun xefe que tiven, o que unha vez que ía a unha xuntanza á sede do PSOE a Ferraz colleu un taxi e ao darlle a dirección o taxista empezou a criticar e a poñer a todos os políticos como ladróns durante o percorrido e ata a chegada; e, foi mentres lle pagaba a viaxe cando o meu xefe lle dixo que era certo e tiña razón que había políticos ladróns e corruptos ao igual que tamén pasa no mundo do taxi, xa que hai algúns taxistas que en vez de levar aos clientes polo camiño máis curto dábanlle unha volta máis longa para cobrarlle máis, e que iso era o que acababa de facer este taxista, que lle fixo un percorrido máis longo do necesario. O taxista non sabía que o meu xefe coñecía Madrid perfectamente.

Pois enlazando co comezo deste post co que vou a dar comezo a unha serie de reflexións e comentarios sobre a “vida e obra dun concelleiro de pobo” dicir que iso de vivir da política sempre é moi relativo, xa que eu vou a contarvos que no meu traballo, ao que volverei cando remate o meu paso por isto da política profesional, tiña un horario de 10 a 14 h. e de 16 a 19 horas, e excepto nas campañas electorais ou actos ou congresos concretos non tiña que facer horas extraordinarias. E respecto ao soldo comentar que é apenas 100 euros menos ca o que percibo agora. Por iso, que non é no meu caso, nin o dos meus compañeiros e compañeiras de goberno que esteamos na política para vivir dela. Por certo, a persoa que fai este comentario resulta que xa pasou por tres partidos políticos distintos … a ver se vai a ser coma o taxista da anécdota do meu xefe.

Remato xa comentando que neste o noso país é moi habitual ese comentario, e por desgraza non só aos que nos dedicamos á política, tamén lle acontece moitas veces ás persoas que forman parte de Comisións de Festas, Asociacións de Veciños ou calquera outro colectivo que fan un traballo altruísta; sempre hai alguén que di esa famosa frase de: “cando está aí é porque lle interesa” ou “seguro que algún beneficio saca”.

Deixar unha resposta