O fin dun capítulo

Publicado Persoal | 0

Paula

Unha persoa non sabe o que é querer de verdade ata que ten un fillo ou unha filla. Eu sóubeno fai hoxe 18 anos.

Quéreslle moito a teus irmáns, aos teus amigos e amigas; veneras a túa nai e a teu pai; amas á túa parella; … pero, definir ou cuantificar o moito que sentes e lle queres a un fillo ou unha filla é imposible.

Eu, como xa dixen ao principio, descubrino fai 18 anos, porque o 30 de marzo de 1998 naceu Paula e con ela descubrín un mar de cousas, de novas experiencias; dinme conta de que dentro da miña vida existía outro mundo distinto, outra realidade que che pon a proba todos os días e che examina a cada minuto, porque ser pai -ou nai- non é nada doado, sobre todo nos comezos. Hoxe Paula chega a esa ansiada maioría de idade: xa pode conducir, votar, entrar soa aos concertos, mercar alcohol e tabaco, etc. etc. é dicir, cruza esa liña vermella ficticia que fixa cando unha persoa xa é adulta (aínda que hai algunhas persoas que cumprirán 80 e nunca serán adultas) Pero, hoxe non só é Paula a que pon fin a unha etapa da súa vida, hoxe eu, como pai, tamén chego a esa maioría de idade na que debo de someterme a unha reválida persoal e íntima para saber se cumprín os meus obxectivos paternais.

Puff!! Acabo de reler o que escribín e menuda chapa acabo de soltar. Pois iso, que Pauliña deixa atrás a súa adolescencia e pasa a formar parte dese selecto grupo de persoas adultas, ou o que é o mesmo de persoas que adquiren responsabilidades e teñen que empezar a marcarse obxectivos vitais, aínda que eu teño claro que no caso de Paula xa fai tempo que se sacudiu a idade do pavo e se fixo maior e responsable, porque ela sempre tivo un grado de madurez que estaba por riba da súa idade.

Paula foi a primeira, e como tal foi a que me ensinou todo o que sei como pai, aínda que cada fillo ou filla é distinto. Dela lembro, así de golpe, aquelas noites nas que se escapaba para xunto de min para a cama, e se súa nai non a deixaba vir de repente aparecíanlle dores de todos os estilos para poder ter a escusa de quedarse a durmir ao meu carón. Lembro as camiñatas dos dous sós polo paseo marítimo de Boiro e as nosas conversas. Lembro cando me pedía con insistencia e con só oito anos que lle fixese un blog. Lembro a primeira vez que comeu un anaco de polo ou un xeado de cucurucho. Lembro as nosas discusións. Lembro os seus escasos abrazos e os seus contados bicos. Lembro os seus “quéroche”. Lembro a súa curta carreira deportiva. Lembro cando lle dicía que tiña que ler porque nos libros atoparía todas as aventuras. Lembro o día que lle dou o chupete aos Reis Magos. Lembro cando quería ser bióloga mariña. Lembro tantas e tantas cousas que non me collerían neste blog, porque estes 18 anos deron para moito, para cousas boas (a maioría) pero tamén para momentos malos. Lembro agora o moito que teño chorado cada vez que pensaba que lle tiña que dicir que ía a marchar da casa e que non ía a poder durmir furtivamente máis noites con ela. Lembro o día que sentado na mesa da cociña súa nai e eu lles dixemos que nos separábamos. Lembro aquel verán, o primeiro, que non parou de chorar. Lembro os días que me sentía fracasado e decepcionado como pai. Son moitos os recordos porque 18 anos dan para moito. Pero por sorte a báscula da vida inclínase claramente cara o lado positivo.

Pero hoxe Paula e eu rematamos un capítulo da nosa vida, pero non teño dúbidas que aínda temos por diante moitos máis capítulos que escribir nos que escribiremos párrafos máis longos e outros máis curtos, e contaremos historias máis alegres e outras que serán máis triste, pero serán as nosas lembranzas, o noso caderno de bitácora.

Paula, con estas liñas só pretendía expresar e deixar constancia do moito que che quero, e darche as grazas por estes 18 anos e polo moito que me ensinastes, e tamén pedirche perdón por se nalgún momento che decepcionei ou nun estiven ao teu lado cando me necesitastes (isto é o que máis me doe) sabes que a min non me gusta facer promesas, pero hoxe … aquí … prométoche que che quererei toda a vida.

E ala!! Que me estou poñendo moi ñoño e eu teño unha imaxe de tipo borde que teño que manter. Parabéns!!!

Deixar unha resposta