Filomena Fraga, todo unha historia

Filomena Fraga

«Eu non puiden escoller nada, a miña vida veume marcada porque tiña que ser así e non tiña outra posibilidade», isto o di Filomena Fraga, unha muller que naceu no ano 1926 (ten 89 anos) en Trasmonte, no concello de Ames.

Filomena é unha muller como moitas da súa época que foi pouco á escola porque tiña que traballar na casa e coidar de seu irmán pequeno, segundo conta empezou aos 7 anos e xa deixou antes dos 12, pero non seguido porque moitos días, sobre todo pola mañá tiña que quedar na casa. Ademais, xa lle dixeron que sabía bastante, e «para ir ao toxo ou sachar no millo» non lle facía falta saber máis.

Pero a Filomena sempre lle gustou ler, na casa non tiñan máis que un libro de misa e na escola só tiñan os de aprender a ler. Pero ela fixo todo o posible por acceder aos libros e cando foi para Negreira a traballar tiña acceso a uns contos que compraban para os fillos do médico para o que servía. Ao casar seguiu lendo, e ao seu home tamén lle gustaba, e entre tres da aldea de Calo -onde vivía- compraban a prensa; e, cando ía a Negreira á feira compraba sempre unha revista.

Tivo unha vida dura na que tal e como ela di «a miña vida foi unha vida de sacrificio polos demais e non tiven tempo para min …» Pero Filomena sempre tivo a idea de escribir un libro e despois de moito tempo conseguiu publicar un aló polo ano 1995, un libro moi persoal e con adiviñas, contos, anécdotas, poemas, … con todo aquelo que ela observaba e vía no seu entorno. A Cancela é o título do libro de Filomena Fraga que o Concello de Ames recuperou no ano 2006 cunha segunda edición e que conta co prólogo de Suso de Toro, unha das persoas que a animou a escribir porque coñeceu a Suso cando lle deu clase aos seus fillos no Colexio Rural de Negreira.

E cóntovos esta pequena historia porque fai unhas semanas caeu nas miñas mans este libro o cal lin de xeito moi interesado porque tiven o pracer de coñecer fai uns meses a Filomena. Estiven na súa casa con Isa González e con José Miñones facéndolle unha visita, e confeso que saín de alí impactado despois de escoitar a esta muller de vida difícil e chea de traballos e tristuras, pero coa que desfrutas escoitando falar e contándoche anacos da súa historia. E como creo que mulleres como ela non deben de ficar no esquecemento quero dárvola a coñecer, quizais porque vexo retratada nela parte da historia de miña nai, unha muller que tivo que deixar a escola para poder axudar a manter a súa familia, ao igual que moitas outras persoas desa xeración e outras posteriores que viron cortada a súa traxectoria vital por nacer nunha época na que non ser analfabeto era todo un éxito.

Filomena tivo a sorte, grazas ao seu esforzo e a súa vontade de chegar a escribir e publicar un libro, e eu quítome o sombreiro ante ela.

Poesía de Filomena Fraga adicada a súa filla, Marga Lesta falecida a finais de maio de 2012 e que non aparece no libro publicado:

A Margarita

Tiñas nome dunha flor,
a nosa flor preferida,
o xardín quedou deserto,
sin a flor da margarita.

Eras todo para todos,
boa esposa, boa nai,
boa irmá
e boa filla.

Eras o sol que nos quentaba,
eras a alba do día,
eras o manancial da fonte,
onde a familia bebía.

Eras o anxo da garda,
que a todos protexías,
recibías ós que chegaban,
despedíalos cando se ían.

Amiga dos teus amigos,
nunca a ninguén ofendías,
agora síntense orfos,
ó non estar ti, Margarita.

Eras o puntal da casa,
eras a paz da familia.
¿Como hei vivir sin ti
o que me queda de vida?
¡Milla filliña querida!

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.