Fai falta sentidiño

Publicado Persoal, Política, PSdeG | 0

cidadania

Entramos nun momento no que a base da política é a demagoxia. Xa non se fala nin de ideas, nin de proxectos, nin se xulga aos gobernos polo seu traballo e a súa xestión … agora o importante é facer populismo arrogándose o sentir da cidadanía para criticar e opoñerse.

Pero todo isto vén motivado pola falla dun criterio claro por parte dos partidos e das organizacións políticas, e depende se se está no goberno ou na oposición as propostas varían substancialmente dun concello a outro. E todo isto o estamos a ver agora no tema dos plenos de organización e especialmente nas dedicacións, salarios, contías para grupos municipais e medios a facilitar.

É certo que a propia lei xa regula e fixa en función da poboación un salario máximo para os e as alcaldesas, así como o número de dedicacións exclusivas e o persoal eventual, pero iso xa da o mesmo porque podemos ver como, por exemplo, o Partido Socialista pode ter un discurso en Arteixo e outro en Ames, ou o PP pode ter unha postura en Porto do Son e outra totalmente distinta en Oroso, ou Ciudadanos propón unha dedicación para Ames e dúas para Ribeira (con menor poboación), e o mesmo acontece co resto de opcións e partidos: BNG, Mareas e movementos cidadáns, … o que fai que na maioría dos casos a tan levada e traída cidadanía se faga un lío monumental ao non ter moi claro se o que se pide e a voz que supostamente se lle atribúe é o que realmente queren ou pensan.

A situación económica non é a mellor e estamos nunha situación de crise, pero iso non debe de ser unha arma arroxadiza para que os propios políticos se desacrediten entre eles, e a verdade, os salarios actuais están moito por debaixo do que estaban fai anos atrás nos que a bonanza económica era palpable por todos e todas. Porque, se empezamos a cuestionar nós mesmo se un alcalde ou alcaldesa, ou un concelleiro ou concelleira debe de cobrar por un traballo que presta en réxime de dedicación exclusiva mal mensaxe estamos a trasladar, porque entón estaremos abrindo a porta que só as persoas con elevadísimos ingresos económicos poidan exercer de cargos públicos, xa que serán os que máis facilidade teñan para poder realizalo, e polo tanto estaremos a poñerlle coto a que profesionais liberais ou funcionarios e funcionarias poidan dedicarse a xestionar o seu concello, xa que é moi complicado poder compatibilizar un traballo cun horario laboral normal con poder dirixir un departamento de cultura, de urbanismo ou de servizos sociais municipal, e xa non digamos exercer de rexedor ou rexedora.

Ademais, debemos de ter en conta en que grao se valora a responsabilidade dun cargo público con responsabilidades de goberno. Porque, non se nos esqueza, que un alcalde ou alcaldesa ou un edil de goberno ten responsabilidade –e moita-, xa sen entrar a cuantificar as horas de dedicación. Eu opino que o cidadanía o que quere é ter gobernos que xestionen, e cargos públicos aos que poder dirixirlle as súas reclamacións e solicitudes, en definitiva alguén con quen falar e que os escoite. Por iso, entrar na demagoxia dos salarios e similares podemos entender que poda formar parte do xogo político, pero tampouco deixa en moi bo lugar aos que usan este artificio como ataque habitual contra o rival, porque isto só acaba contentando aos seus seguidores e hooligans, e na maioría dos casos serve para incendiar as redes sociais con trolls que usan o mesmo argumentario, pero só sirve para desacreditarnos a todos e a todas os que estamos “na política”

Como dicía o meu amigo José Luis de Salvaterra, sentidiño … moito sentidiño é o que fai falla.

Deixar unha resposta