O día despois

Parte do EQUIPO

Aínda lembro o día que Gustavo e Paco viñeron a falar comigo para convidarme a unha xuntanza do Partido Socialista de Ames. Acababa de dimitir o que forma alcalde e o Partido atravesaba unha situación complicada, xa que se nomeara facía uns días un novo portavoz e había que elixir unha nova executiva.

Despois desa primeira xuntanza na que se intentaba facer un novo equipo que collese a dirección da Agrupación para intentala reflotar e saír da crítica situación na que se atopaba: perder unhas eleccións municipais acostuma a ter esas consecuencias.

Gustavo e Paco pedíronme que me unise a ese grupo e que participase na agrupación aportando o meu gran de area, e, como ía a negarme? Eu nunca podo negarme a calquera cousa que me pidan desde o Partido, sempre estarei en débeda co Partido Socialista. Foi unha tarefa difícil, de moito traballo e con algunha que outra pedra no camiño; pero a ilusión e o sacrificio de persoas coma Jose, Isa ou Paco facían que só camiñásemos mirando para adiante. Tamén estaban Manolo, Elisa, Eva, Lissón, Pazos, Álvaro, Gallego ou Paco Doval; foron meses e meses de xuntanzas, de escritos, de mocións, de notas de prensa, … de infinidade de traballo. Viñeron as primeiras eleccións –autonómicas- nas que o resultado non foi moi bo: fomos terceira forza en Ames. Pero lonxe de caer no desánimos continuamos a traballar; pouco despois tivemos as eleccións Europeas nas que continuamos a ser terceira forza, pero nós seguimos xuntándonos e traballando; sempre puxemos por diante os intereses de Ames e dos veciños e as veciñas. Polo medio xurdiron os problemas e as divisións no PP de Ames e, polo tanto, no goberno municipal. Máis traballo e responsabilidade, pero tamén máis persoas que se unían ao proxecto e participaban activamente: Chema e Begoña, e Beiro sempre botando unha man cando facía falta.

Traballo, traballo e máis traballo, ao que había que sumarlle a unidade que tiñamos no grupo máis cohesionado. Pero como todo ía ben, e parece que había algúns que estaban interesados en que non fose así fixeron o posible por desestabilizar desde fóra: producíronse dúas dimisións no Grupo Municipal en momentos puntuais nos que afectaban máis ao Partido. Cousas da política e da condición humana –que dicía sempre un xefe que tiven-

Pero o barco, lonxe de embarrancar seguiu “viento en popa a toda vela” porque os capitáns que o pilotaban só tiñan no seu punto de mira o futuro de Ames. O Grupo Municipal mudou e ata mellorou coas dúas novas incorporacións –e non é porque unha delas fose eu- Despois viñeron as primarias, o candidato e o EQUIPO –e o escribo así, en maiúsculas porque sería un sacrilexio facelo doutro xeito-. Luisa, Rosa, Irene, Carmela, Ofelia, Víctor, Rafa, Mari, Carlos Trías, Su, Irene, Miguel, Ramiro, Carlos, Xurxo, foron as novas incorporacións que se complementaron perfectamente con Chema, Eva, Begoña, Beiro, Elisa, Pazos, Paco, Isa e a cabeza máis visible, Jose.

Onte, despois de todo este tempo e de todo este traballo foi o momento do exame. Atrás queda ese anaco de historia, e quedan moitos quilómetros de camiños e buzoneos, de charlas cos veciños e veciñas, de caídas, de risas, de sol, de frío e choiva, de cans ladrando, de nenos e nenas xogando e saltando nos inchables, de discursos, de recontos, de contos e chistes, … pero sobre todo de unidade e de respecto, e tamén de amizade. Quizais a nota resultante da avaliación das urnas non fose a que todos e todas esperábamos, pero foi a que os mestres nos puxeron, e eses nunca fallan. Eramos ambiciosos porque o traballo feito así no lo esixía, pero tamén sabemos aceptar e somos conscientes de que os momentos ao mellor non son os mellores porque no pasado cometemos erros que a cidadanía aínda non nos perdoou, pero seguiremos traballando e loitando para recuperar o Ames que tivemos e que axudamos a construír os e as socialistas.

Pero onte non rematou nada, onte foi unha meta dentro doutra nova etapa que xa comezou hoxe; un camiño que comezamos a percorrer moitas máis persoas das que o iniciamos aló polo 2012. E eu, que xa me estou emocionando, espero e teño a seguridade que o EQUIPO seguirá estando xunto e unido, porque é moito o que nos ata: traballar para conseguir outro Ames.

Grazas.

P.D: Non me quero esquecer de outros compañeiros e compañeiras que tamén nos axudaron e forman parte do EQUIPO, aínda que non nas fotos si no traballo e o esforzo diario. José Luis, Framil, Gonzalo, Varela, Emilio, Almudena, Elisa, Cecilia, Maritere, José Antonio, …

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.