Bye bye Izpisúa

Publicado Persoal, Política 0

Juan Carlos Izpisúa non marca goles, nin fai «palomitas» a tiros de falta, nin corre pola banda driblando aos rivais. Juan Carlos Izpisúa non aparece nunca nos xornais deportivos, nin lle fan caso habitualmente os medios de comunicación tradicionais. Non acostuma a saír en programas de televisión, nin a rodar anuncios publicitarios, … nin siquiera falamos del en Twitter ou en Facebook.

Juan Carlos Izpisúa é un completo descoñecido para a inmensa maioría. Eu confeso que ata onte non sabía nin que existía, e a verdade é que aínda me considero unha persoa bastante ben informada.

Pois si, resulta que hai un español que se chama Juan Carlos Izpisúa Belmonte, natural de Albacete -coma o noso Iniesta- e que no seu campo profesional é un crack; é, para que nos situemos, unha especie de Cristiano, Messi ou … Iniesta no mundo da investigación e que podería optar facilmente a gañar un balón de ouro no seu. Pero a diferencia de todos eses famosos futbolistas que ganan millóns de euros ao ano e que enchen páxinas e páxinas de xornais, minutos de televisión ou caracteres nas redes sociais e polos que a maioría de nós -eu incluído- sentimos devoción, ao crack albaceteño da bioloxía do desenvolvemento non lle fai caso ninguén, e iso obrígao a ter que marcharse de España porque aquí carece dos apoios financeiros e económicos para seguir investigando. Unha mágoa!!

A miña curiosidade levoume a informarme sobre este home o cal ten unha biografía ben interesante e que pon de manifesto todo o que tivo que loitar e esforzarse para chegar a onde está. Chámame a atención a humildade da súa familia, o que fixo que tivese que abandonar os seus estudos sendo un neno -con 9 anos- e poñerse a traballar. Anos despois -aos 16 anos- volveu ao colexio e a base de sacrificio chegou a rematar os estudos superiores sendo premio extraordinario de fin de carreira.

Este días, por desgracia, a súa cara e o seu nome é protagonista dos medios de comunicación do noso país, pero como xa vos dixen antes, porque decide marcharse de España para poder continuar co seu traballo e coas súas investigacións nun lugar no que aprecien máis o seu labor e respecten e apoien máis a investigación do que, por desgracia, fan en España.

Izpisúa total só é unha persoa que investiga o desenvolvemento das células nai, non é ningún futbolista que di un día que está triste e revólvese medio país pensando que será o que lle pasa e pedindo que lle suban a ficha e lle renoven o contrato unha chea de anos máis, porque coa súa tristura non é capaz de meter goles. Por Ispisúa non hai ningunha canle ou xornal que se mobilice e faga campañas pedindo que se quede e reclamando máis investimento e apoio, … para que? A quen lle interesan as células nai?.

Pero é normal que a ninguén nos preocupe a emigración deste científico, cando xa nin nos importa a emigración dos nosos familiares e amigos. É normal que non nos inquiete que lle recorten a este investigador no seu traballo, cando xa a nos mesmos nos da igual que nos recorten na sanidade ou na educación. Alguén se imaxina que Cristiano dixera que quere marcharse para xogar en Inglaterra ou Alemaña? Iso si que sería motivo de enfado e de reacción por parte dun gran sector da sociedade que ata sería capaz de saír á rúa a manifestarse.

Realmente os españois somos unha sociedade adormecida e resignada, que permite abusos constantes dun goberno que dirixe este país de costas aos cidadáns e que só é capaz de aprobar leis para machacarnos e nós, mentres tanto, calamos e permitimos que sexa así porque mentres Cristiano gane o Balón de Ouro todo vai ben.

Remato desexándolle a Juan Carlos Izpisúa que lle vaia moi ben e que teña moita sorte nas súas investigacións porque seguro que iso redundará en beneficio de todos nós.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.