Salvemos Galicia!!

Publicado Persoal, Política, PP 0

Levo desde o 1 de abril sen escribir nada no blog, o cal delata o meu abandono. Pero creo que é un bo motivo para volver a xuntar unhas letras e facer algo que sexa lexible para defender a nosa terra, para defender Galicia.

A Xunta de Feijóo quere converter ao noso país nunha gran mina a ceo aberto, e amparándose na crise e na necesidade de postos de traballo está disposta a subastar Galicia a diversas compañías mineiras. Esa permisividade de Feijóo ocasionaría que se arrasase o noso patrimonio natural, cultural e paisaxístico, contaminando o medio ambiente e poñendo en risco a saúde dos galegos e galegas. Agora xa non só é a mina de Corcoesto, na comarca de Bergantiños; tamén se proxectan outras minas en A Fonsagrada, na Serra do Galiñeiro (Vigo), no entorno das Fragas do Eume ou algunhas que existiron fai anos e que a Xunta pretende reactivar.

Realmente este goberno do Partido Popular de Galicia está carente de ideas e dun proxecto de país co que sacar adiante Galicia e a base de ocorrencias e improvisacións está poñendo a semente para aniquilar a nosa riqueza natural máis prezada.

A través da Sociedade Galega de Historia Natural e do seu presidente, Serafín González Prieto, iníciase unha campaña a través das redes sociais e que leva o nome de: «¡Salvemos Galicia da megaminería!» co hashtag: #salvemosgalicia. Esta campaña que conta cun video en YouTube no que participan persoeiros galegos tan coñecidos como a actriz Sabela Arán; o xornalista Fernando González, Gonzo; o actor Carlos Blanco; o actor Víctor Mosqueira; o escritor Suso de Toro; Fernando Vázquez, adestrador do Real Club Deportivo da Coruña; Ramón Varela, xornalista ambiental, ou os actores Javier Veiga e Luís Zahera. Ademais dunha campaña de recolleita de sinaturas en Change.

Nesta campaña deberiamos de implicarnos todos os galegos e as galegas, porque ao fin e ao cabo o que estariamos é defendendo e loitando polo noso patrimonio e pola nosa saúde, porque hai cousas que son prioritarias e coas que nunca se debe de xogar e moito menos mercadear, tal e como pretende facer o goberno de Feijóo.

Eu, desde aquí anímovos a asinar e a mobilizarse en contra desta desfeita, porque hai outras formas para sacar a Galicia da crise.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.