Entrevista a Emilio Pérez Touriño

Touriño, o ex presidente da Xunta de Galicia e ex Secretario Xeral do PSdeG, acaba de sacar á rúa un libro que leva por título “O futuro é posible” no que conta desde a súa óptica o acontecido entre a súa chegada á secretaría xeral do PSdeG ata que se foi no ano 2009, despois de que o PP de Galicia gañase por maioría absoluta as eleccións autonómicas que sentaron a Feijóo en San Caetano.

O libro de Emilio vén cargado de polémica porque neste percorrido pola historia máis fructífera do socialismo galego relata certas historias sobre algún que outro compañeiro de Partido e de goberno, aos cales parece ser que non deixa quedar en moi boa posición. Este libro, ademais, é a causa de que o ex presidente volte a aparecer nos medios de comunicación dos que ata o deagora estivera bastante desaparecido, de igual maneira que da presencia pública de primeiro nivel.

Se non me equivoco, esta entrevista en V Televisión é a primeira que concede desde que abandonou a primeira liña, e como vos podedes imaxinar o morbo está servido. As redes sociais eran onte pola noite todo un fervedoiro entre os seguidores e os detractores de Touriño, e polo medio andiveron metidos membros e simpatizantes do Partido Popular que non escatimaron comentarios cos que aproveitar para meter no “ollo” dos socialistas.

Non desproveitedes a ocasión de seguir esta entrevista a Emilio Pérez Touriño, na que baixo o meu punto de vista está máis moderado do que se podía esperar aínda que deixa algunha que outra perla da que podedes sacar as vosas propias conclusións. Eu só digo, como defensor que son da liberdade de expresión, que Touriño foi Secretario Xeral do PSdeG once anos e presidente da Xunta case catro (o único do PSdeG tras unhas eleccións) e considero que posúe a autoridade política e persoal para poder falar e opinar sobre unha etapa na que el o actor principal. Teño claro, tamén, que cometeu varios erros ao fronte da dirección do PSdeG como puideron ser a falta de confianza no propio partido e o menosprecio en ocasións dos seus militantes e simpatizantes, así como a falla de cariño e de comunicación coas bases e os cargos intermedios, pero aínda así hai que recoñecerlle que vivimos os mellores momentos da nosa historia, gracias tamén a outros compañeiros e compañeiras que fixeron un traballo arduo para que así fose. Pero tamén hai que recoñecerlle que como presidente fixo un bo traballo tendo en conta que non foi doado xestionar aquel goberno no que varios dos conselleiros, tanto do BNG como do PSdeG tiñan obxectivos persoais e políticos que nada tiñan que ver coa unidade de acción do goberno bipartito.

Eu respecto que Emilio ou calquera outro compañeiro do Partido fale en liberdade para que todos coñezamos a realidade e que esta non quede sempre agachada nos caixóns do esquecemento, xa que, desgraciadamente, no PSdeG temos o costume de olvidarnos rápido do pasado, para vivir o presente sen mirar para o futuro.

Deixar unha resposta

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.