Quixera dedicar as primeiras palabras do meu discurso a Maximino Viaño, cronista oficial do concello e medalla de honra do Concello de Ames que, desgraciadamente, nos deixou a finais do ano pasado. Aínda que sexa de forma breve quero de novo destacar o seu traballo por Ames e legado que nos deixou. Alí onde estea Sr. Maximino, gracias.
Estamos hoxe celebrando no noso concello o Día de Galicia, e Ames é unha Galicia en pequeno: diversa, viva, con raíces fondas e mirada de futuro. Aquí conviven tradición e modernidade, identidade e apertura. É unha mostra clara do país que queremos ser.
Nunha Galicia que en moitos lugares sofre o drama do despoboamento, Ames é unha excepción que debería ser regra. A vitalidade demográfica é tamén resultado dunha sociedade que se entende, que coopera, que crea condicións para vivir e medrar en común.
Somos un concello vivo, que medra, que acolle. Un dos poucos lugares onde hai máis nacementos que mortes; símbolo claro de dinamismo, de futuro e de convivencia. Aquí hai vida, hai familias novas, hai escolas que se enchen. Aquí hai esperanza real, non discursos baleiros.
Ese dinamismo vese tamén na nosa economía. No polígono do Milladoiro, empresas de sectores diversos seguen creando emprego, riqueza e innovación. Ou no noso sector comercial, onde atopamos a esencia real do verdadeiro sector empresarial: os autónomos! Todos eles e elas xunto representan unha Galicia que traballa, que aposta pola industria e o comercio local necesaria para soster as grandes empresas, pero tamén as máis pequenas. E que demostra que tamén desde a escala municipal se pode contribuír ao desenvolvemento sostido do país.
O noso crecemento demográfico é boa nova, pero require respostas á altura. O acceso á vivenda é hoxe un dos maiores desafíos a nivel estatal, e nese sentido, Ames non é unha excepción. Por iso debemos entender Compostela non só dende o reducionismo, senón dende unha óptica máis aberta, máis metropolitana, que recoñeza a realidade conxunta que vivimos cada día: compartimos espazos, servizos, traballo e escolas.
Por iso, precisamos políticas de vivenda coordinadas, pensadas para garantir que as familias poidan vivir aquí, preto do seu, con estabilidade e con dignidade. É necesario para que o dereito a vivir non se converta nun luxo, senón que siga sendo unha posibilidade real para quen desexe formar aquí un proxecto de vida.
Galicia non se entende sen as súas vilas e concellos. E Ames, pola súa traxectoria, converteuse nun referente do bo facer, do compromiso veciñal e da política real. A que pensa en dar solucións de calado aos problemas.
Demostramos que a cooperación institucional, a participación cidadá e o respecto polo común poden dar froitos reais. Este pequeno recuncho da Maía é xa un exemplo para o país enteiro.
Maximino Castiñeiras referíase á súa terra, a Maía, como “país de tenros cantares … mundo alleo aos pesares”. Esa visión romántica hoxe é tamén unha mensaxe política: nun país de ruído e división, Ames é un territorio que se afasta do pesimismo, da crispación e da parálise. Aquí demóstrase que o entendemento non só é posible, senón que funciona, porque aquí escollemos o camiño do diálogo, a convivencia e o respecto mutuo.
E neste contexto de compromiso cívico e visión de futuro, é unha honra recoñecer tamén a figura dun veciño que representa os mellores valores do servizo público e do pensamento compartido: Antonio López, reitor da Universidade de Santiago de Compostela. A súa traxectoria, marcada polo diálogo, a responsabilidade e a defensa da universidade pública, é un exemplo da Galicia que queremos: a que educa, a que pensa, a que constrúe futuro desde a palabra e o coñecemento.










Deja un comentario