El desorden que dejas (2020)

Publicado Series 0

Eu non vin ningún capítulo de Élite, a serie coa que todos os expertos comparan a El desorden que dejas, e que é do mesmo creador, Carlos Montero. Eu confeso que me gustou a serie por varias razóns que explicarei máis adiante, e a verdade é que me enganchou desde o primeiro capítulo, e desexaba ver o seguinte para poder ir descubrindo a trama. Pero, tamén teño que dicir que non me gustou máis que Néboa (TVE) ou O sabor das margaridas (TVG e Netflix), as cales tamén eran uns thrillers intensos e ambientadas todas en Galicia.

A trama

Como xa dixen, é un thriller intenso que engancha desde o primeiro minuto, e que destaca polos distintos puntos argumentais nos que se desenvolve a serie. A clave é a dualidade dos dous personaxes principais: Raquel e Viruca, que de xeito paralelo e misturado van cruzando as súas historias. Teñen personalidades e viven situacións ben distintas ao comezo, pero a medida que avanzan os capítulos se van parecendo cada vez máis para concluír de xeito case semellante. O certo é que ámbolos dous personaxes son demasiado intensos e o intercambio de ambas historias quizais axuda a que non se fagan cansinas.

Destacan tamén as historias que viven personaxes como Germán, os problemas de Roi, a tristura de Mauro, a decepción de Nerea ou a furia de Iago.

É certo, que a trama ten momentos nos que se lía e mistura trazas demasiado complicadas variadas para rematar cun final que contente á maioría, e non digo máis por non facer “spoiler”. Drogas, eutanasia asistida, política, corrupción, chantaxe, sexo, cornos, un asasinato, etc.e todo iso dentro dun pobo pequeno “no que todos se coñecen e se protexen” concentrado en oito capítulos de 45 minutos quizais é demasiado. Aínda que seguramente é o que logre que a atención e o interese non decaia en ningún momento.

Que destacar

Para min a serie pivota sobre tres puntos principais, ademais da trama:

  • O elenco de actrices e actores, destacando de maneira especial a Inma Cuesta (Raquel) e Bárbara Lennie (Viruca), cada unha dentro do seu particular estilo interpretativo, pero facendo un bo traballo, aínda que tamén é certo que de fallar algunha delas a serie sería mediocre.
  • A paisaxe máxica na que se desenvolve toda a serie pola zona de Ourense: Celanova, Ribadavia, Allariz, os canóns do Sil. Pero, tamén a cidade da Coruña coas súas galerías de cristal e a zona da Marina.
  • A galeguidade que se lle pretende dar a esta serie, seguramente motivado pola propia orixe do autor da obra, Carlos Montero, xa que é natural de Celanova. E choca escoitar, por exemplo a Inma Cuesta falando con acento galego. E esa galeguidade se aprecia tamén coa participación de actores e actrices como Tamar Novas, Federico Pérez, Susana Dans, Alfonso Agra, Xosé Touriñán, Camila Bossa, Xavier Estévez, Ana Santos, etc

Miniserie

Cada vez me gustan máis as miniseries con capítulos curtos (de 45 minutos aproximadamente), xa que me permiten desconectar mellor, que é para o que eu vexo normalmente as series. Pero, en concreto en El desorden que dejas agradécese que os capítulos sexan curtos e rápidos porque permite que poidas ver o seguinte e ir desenmarañando o misterio que ten cada un deles.

Xoel López

Importante a banda sonora da serie, pero fundamental a canción dos títulos de crédito que interpreta Xoel López, e que se titula La espina de la flor en tu costado.

Anécdotas

A novela na que se basea a serie, El desorden que dejas, foi premio Primavera de novela no ano 2016.

O autor da novela e director de dous dos capítulos (1 e 2), Carlos Montero, naceu en Celanova, un dos lugares nos que se grava a serie.

Inma Cuesta, unha das actrices protagonistas, intentou comprar os dereitos da novela, pero xa estaban reservados. Meses despois Carlos Montero ofreceulle o papel.

Non podo pechar este post sen citar aos actores e veciños de Ames, Federico Pérez e Pepo Suevos, que aparecen nesta serie, o que pon de manifesto a importancia do audiovisual no concello de Ames.

Valoracións

Plataforma: Netflix

Episodios: 8 (de 45 minutos aprox.)

O máis destacable: A paisaxe galega

O mellor papel: Bárbara Lennie

Puntuación: 7/10

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.