Los favoritos de Midas é unha das series estrela de Netflix en España, que destaca inicialmemte pola presenza do galego Luis Tosar e o polémico Willy Toledo, que nos últimos anos destacou máis polas súas polémicas e críticas políticas que como actor.
Apetecíame ver esta serie por varias razóns, pero seguramente influenciado pola súa aposta mediática; e por iso comecei a vela entusiasmado, e confeso que me enganchou esa intriga que amosa desde o primeiro minuto, porque ten un guión que che mete dentro da serie e hai momentos nos que ata tiven sobresaltos.
O comezo
A historia que conta é estraña inicialmente, pero ao longo dos episodios vanse abrindo portas, e clarificando algunhas tramas porque se van deducindo durante os minutos. Víctor Genovés (Luis Tosar), é un empresario de éxito, que herdou de forma pouco clara un imperio da comunicación importante amósase como unha persoa de principios e con conviccións, pero que, tamén, debido a esta nova situación profesional, vai encontrándose con problemas persoais e converténdose en alguén triste e pesimista, pero sobre todo atópase só e síntese abandonado por todos.
Non vou a facer spoiler e a contar nada desta miniserie que poida adiantarvos nada do que acontece, pero o certo é que a min mantívome atrapado durante os seis episodios, aínda que en torno á metade da serie, no episodio cuarto, comecei a desconectar un pouco, quizais polo xiro na trama.
Que destacar
De Los favoritos de Midas eu destacaría sobre todo o guión, e o seu comezo, porque me fixo pensar o que faría eu se me atopase na situación do protagonista, de Víctor Genovés. E, a pesares de contar cun bo grupo de actores e actrices, esperaba sentirme máis atraído e cómplice dos seus papeis, pero teño que dicir que non me acabaron de ilusionar. Destaca a presenza de Luis Tosar, e parece que o papel foi feito á medida para el, sendo ademais o gran reclamo; tamén teñen moita importancia os papeis de inspector xefe da Policía, que fai Willy Toledo, ou de xornalista que fai Marta Belmonte; e ambos se amosan como o exemplo da seriedade profesional, a rectitude e a ética. Pero, para min o mellor papel é o que fai Marta Miláns (Jose), que fai o papel de amiga de Genovés, e de empresaria de éxito dun grupo mediático; e, creo que incluso está desaproveitada. Tamén participa o galego Carlos Blanco, o cal fai un papel digno e de relevancia para a trama, e para min Carlos sempre está ben no que faga.
Remato comentando que non acabo de entender a razón na trama da importancia que se lle dan as manifestacións e ás revoltas durante toda a serie.
Anécdotas:
O guión está baseado nunha historia de Jack London, que tamén se titula Los favoritos de Midas, aínda que o final non é o mesmo, e aquí adaptase á época actual.
Luis Tosar, coa excepción de Mareas Vivas (TVG) sempre tivo presencias esporádicas en series, chegando incluso a rexeitar papeis nalgunhas de tanto éxito como Prison Break ou Juego de Tronos.
A actriz Marta Miláns ten unha carreira de mención nos Estados Unidos participando en series como: Law & Order: Special Victims Unit (NBC), The Mysteries of Laura (NBC), en High Maintenance (HBO) ou Killer Women (ABC). E en películas como Shame ou a superproducción Shazam!
Valoracións
Plataforma: Netflix
Episodios: 6 (de 45 minutos aprox.)
O máis destacable: A intriga da trama
O mellor papel: Marta Miláns
Puntuación: 6/10
Deja un comentario