Hierro (2019)

Publicado Series 0

Comecei a ver Hierro por casualidade. Unha destas noites que estaba diante da televisión intentando desconectar do día, e paseaba o mando de arriba para abaixo a ver que podía atopar.

Vira en varias ocasións a Candela Peña facendo promoción de Hierro en distintos programas, así como información nos medios, pero confeso que tampouco me chamara moito a atención. Pero, sen querer, e creo que case por aburrimento dinlle ao OK do mando de Movistar para botarlle un ollo.

Vaia!! En canto dou comezo quedei alucinado con esa cabeceira que mistura imaxes fermosísimas da illa de El Hierro cos rostros dos protagonistas, ou as imaxes dobres dándolle continuidade unhas a outras. O certo é que me impactou o seu comezo!!

Pero, non me impactou menos o inicio da serie e o seu primeiro episodio cunha trama que consigue que te enganches de inmediato. Ademais duns actores que fan un papel espectacular, que en moitos momentos é tan absorbente que conseguen que non te fixes noutras cousas da propia serie.

Eu desta serie destacaría tres aspectos que foron os que conseguiron que me enganchase desde o primeiro momento:

As paisaxes

A fotografía e as imaxes espectaculares da Illa de El Hierro. Nunca me pasara unha cousa similar vendo unha serie, que é que me atrapase o lugar no que está rodada, e foi tal o efecto que estou desexando visitar este fermoso e máxico paraíso.

Sen dúbida esta serie representa unha excelente campaña de publicidade para que descubramos a illa.

Actores e actrices

O elenco de actores e actrices, destacando especialmente a Candela Peña, como a xuíza Candela Montes; e a Darío Grandinetti, Díaz. Pero tamén me gustou moito o traballo de Juan Carlos Vellido, o sarxento Morata; e Kimberley Tell, como Pilar, a filla de Díaz.O argumento, que aínda que é un clásico das series de asasinatos vai dando diferentes xiros durante toda a serie, que se mistura coa cultura e as tradicións do propio lugar.

A trama

Aínda que o argumento é un clásico dos thrillers (asasinatos, drogas, cartos, venganzas, etc.) vai dando xiros durante os distintos episodios buscando que sigas enganchado. E, todo isto meisturado coa cultura e as tradicións da illa.

Eu recomendo totalmente esta serie, e espero ansioso ver a súa segunda tempada, a cal xa está case lista para estrearse o vindeiro ano.

E non quero rematar esta opinión sen destacar o traballo dos irmáns Coira, tanto de Pepe co guión, como o de Jorge, coa dirección. E ademais Jorge é veciño de Ames, co cal merece destacalo.

Anécdota

Como anécdota dicir que esta serie estaba previsto que formase parte da cadea Atresmedia, pero na fase do proceso de guión foi cancelada.

Valoracións

Episodios: 8 (de 50 minutos aprox.)

O máis destacable: As paisaxes e as vistas de El Hierro

O mellor papel: Candela Peña e Darío Grandinetti

Puntuación: 8/10

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.