Intervención no Debate do Estado do Concello

Publicado Ames, Concello, PSdeG 0

Boas noites a todas e a todos.

Comezar dicindo que para o grupo socialista é un orgullo poder estar esta noite aquí celebrando novamente un debate sobre o estado do concello, e lembrar que foi este goberno o que facilitou e puxo en marcha esta ferramenta de participación e de achegamento á cidadanía amesá.

Fai un ano estábamos no Milladoiro celebrando este debate, e este ano estamos en Bertamiráns rendendo contas diante dos grupos da oposición, e diante das veciñas e veciños de Ames como mostra de que a este goberno non lle asusta debater, non ten medo a dar a cara, non se agocha e crea máis espazos de participación para a oposición, e iso é moi importante e de destacar porque ata este mandato ningún alcalde nin ningún goberno o tiña feito.

E despois desta pequena introdución quero tamén destacar outro aspecto deste goberno e deste alcalde, que é a súa capacidade de entendemento e de chegar a acordos. Ou o que é o mesmo a súa dispoñibilidade para falar e xestionar, e o claro exemplo disto é que tres partidos (PSOE, Podemos e BNG) con diferencias políticas xerais coñecidas por todos fomos capaces de antepoñer o interese xeral dos e das veciñas de ames e gobernar de maneira tranquila e como un só partido durante estes case tres anos. E, sen esquecerse que estamos en minoría dentro da corporación, e iso tamén é un plus que hai que ter en conta, xa que fomos quen de darlle a estabilidade necesaria a este goberno e a este concello, que tan necesitado estaba dela despois do visto durante o último mandato. Esta é de veradade a nova política: a do respecto, a do diálogo e a da lealdade institucional, pensando sempre no beneficio da cidadanía.

E comezo agora a facer valoración do último ano, na que me centrarei nas áreas de urbanismo, obras e servizos básicos.

Comezarei valorando o traballo realizado durante o útimo ano no departamento de urbanismo, e sobre todo poñendo en valor a tarefa realizado polos traballadores e traballadoras desa área, en ocasións tan ingrata e tan criticada, pero tan necesaria e importante para o noso concello.

O pasado ano enfocamos o traballo cara a dous puntos de interese: por un lado á posta en marcha de varias modificacións urbanísticas para a consecución de parcelas dotacionais, e polo outro darlle solución definitiva a dúas urbanizacións cuxas vivendas levan anos ocupadas e que carecían de licenzas de primeira ocupación. Sen esquecer o traballo ordinario deste departamento.

Puxemos en marcha os procesos de modificación e xestión do solo do S-05 das Cortes para a consecución dunha parcela dotacional que ceder á xunta para a ampliación do ceip agro do muíño, a cal está pendente da resolución plenaria das alegacións, que irán ao vindeiro pleno municipal, e o posterior acordo de cesión.

Iniciáronse os contactos cos propietarios e propietarias das parcelas na que temos previsto construír o futuro CEIP de Milladoiro, e púxose en marcha o trámite necesario para proceder á expropiacións dos terreos. Lembrar que existe xa un compromiso da xunta de galicia de cen mil euros nos orzamentos deste ano para a elaboración do proxecto.

Púxose en marcha, tamén, a elaboración dun plan especial no entorno do IES de Bertamiráns para poder dispoñer dos terreos necesarios para que a Xunta de Galicia dote a este instituto dos equipamentos dos que agora carece e que tanto necesita á cmunidade educativa deste centro debido á ampliación do mesmo. Plan especial que ademais nos permitirá ampliar o vial existente no entorno do centro e dotalo de máis zonas de aparcamento.

Outro dos campos nos que traballamos con intensidade foi no de buscarlle unha solución ao problema existente no coñecido técnicamente como PM5-03 do Milladoiro. A urbanización de vivendas que se fixo entre a rúa do Rego e a rúa Rosalía de Castro, onde están ubicadas a escola infantil do Milladoiro e o cuartel da Garda Civil, e o que é máis importante, máis de 200 vivendas que 12 anos despois carecen de licenza de primeira ocupación porque a construción deses edificios non cumprían co proxecto presentado e ocuparon solo público, ademais de outros defectos construtivos graves. Despois de varios meses de traballo do departamento xurídico e do departamento de planificación urbanística conseguimos incautar os avais presentados pola promotora, case catrocentos mil euros, para realizar as obras necesarias para legalizar as vivendas.

En poucos días xa se adxudicarán as obras que son necesarias para solucionar os problemas de moitos centos de veciñas e veciños que viven nesa urbanización.

Todas estas actuacións que acabo de citar teñen moito traballo detrás e moito tempo de xestión e de coordinación entre departamentos, o cal é digno de valorar, xa que moitas veces este tipo de xestións non son das máis visibles do concello pero os seus resultados acaban beneficiando a centos de veciñas e de veciños.

Non quero deixar de comentar o traballo feito, tamén, no S-15, ou na parcela na que se vai a construír o novo centro de saúde do milladoiro, o cal, de repente, ten varias nais e varios pais, pero cuxa xestión definitiva e posta a disposición dos terreos foi por obra e gracia deste goberno. Agora xa se pode ver alí unha parcela limpa e delimitada, ademais do que será un vial de servizos. E ata se pode ver desde a rúa Agro do Medio a case de cultura de Milladoiro, algo que fai unhas semanas era imposible.

Eu sei que a oposición non vai a destacar as cousas positivas deste goberno, pero o que é innegable é que todo o que acabo de relatar está aí e pódese comprobar. E aproveito para anunciarlles que a xestión do departamento de urbanismo para este ano tamén se prevee que sexa importante, xa que comeza a existir novamente interese por promover e construír nova vivenda tanto no milladoiro como en bertamiráns, e iso, sen dúbida é unha moi boa nova para o noso concello.

Pasarei agora a explicar o traballo realizado no departamento de obras, sen dúbida un dos que máis interesa e que máis chega aos veciños e veciñas. Rematamos o ano 2016 cunha forte crítica por parte dalgún grupo da oposición na que dicían que nos esquecíamos do rural de ames, e que o investimento que íamos a facer era ridículo e case inexistente. Un ano despois os datos poñen de manifesto a gran mentira que contaban este grupo, xa que durante este 2017 o investimento no rural supera con creces o millón de euros de gasto directo, e durante este ano 2018 aínda vai a ser moito maior.

No que respecta a saneamento ou abastecemento gastáronse máis de catrocentos mil euros, seguindo polo tanto co compromiso deste goberno de apostar polo saneamento do rural. E tamén deixo enriba da mesa o compromiso de que durante este ano o investimento en saneamento vai a superar o gastado este ano.

A Mámoa, Oca, Lamas, Frenza, Miso, Agrón, Guimaráns, Eirapedriña, As Buceleiras, Covas, Piñeiro, Cortegada, Mercuto, Lapido, etc. etc. son varios lugares do noso concello no que se fixeron actuacións varias en pistas, estradas ou camiños de monte. Ademais de reforzar e mellorar o alumeado público noutros moitos lugares coa substitución a alumeado led.

Destacar o traballo realizado no rural coas brigadas municipais ás que lle incluímos este ano e durante sete meses un grupo de persoas a través dun programa conxunto coa concellaría de desenvolvemento local e que realizaron un excelente traballo en moitos lugares do rural: Bugallido, Ortoño e Biduído foron as parroquias nas que estas brigadas fixeron o seu traballo, e, anunciar que xa están solicitadas outras persoas para continuar co traballo feito.

Importante tamén é a xestión realizada para a consecución de máis espazos de aparcamento tanto en milladoiro como en Bertamiráns, incrementándose as prazas de aparcamento nos dous núcleos principais de ames en cerca de 300 prazas máis.

E vou concluíndo falando e valorando o traballo e as obras realizadas cos orzamentos participativos, nos que foron os veciños e veciñas os que decidiron as obras que querían facer e onde. Máis de 140.000 euros investidos en diversas obras: camiños e pistas, mellora de pluviais, alumeado público, accesibilidade, locais sociais, etc. 12.000 por parroquia que nun principio parecía pouco, pero que ben gastados resultan un bo investimento. Felicitar e agradecer o traballo de todos os veciños e veciñas que participaron, pero sobre todo das asociacións que estiveron máis implicados, porque para calquera goberno é moi importante que exista un tecido asociativo organizado e participativo, e un dos feitos máis importantes é que naceron outras asociacións, como a a.vv de ortoño.

E non quero rematar esta parte sen citar ao departamento de Obras, tanto á brigada no seu conxunto como á área administrativa, e comentar que é moi importante que tamén se realice investimento no persoal municipal, tanto en epis e material para poder realizar a súa labor dunha maneira digna, como en formación e seguridade laboral. Durante o pasado ano, ademais de renovarlle a roupa e os epis de seguridade dúas veces ao ano, tamén organizamos cursos de formación sobre poda en altura e uso de plataformas elevadoras, ou de uso e manexo de desbrozadoras ou motoserras. Non hai dúbida que o máis importante é que o persoal faga o seu traballo dun xeito seguro e nunhas condicións óptimas.

Seguirei agora falando de accesibilidade. De súpeto a todo o mundo lle entrou un interese inusitado pola accesibilidade, e é o máis normal, porque ningún dos presentes está libre de nun futuro poder problemas de mobilidade. A realidade é que este goberno leva investido máis de 300.000 euros en:
Mellorar os accesos aos edificos públicos: como por exemplo a casa do concello, a biblioteca municipal ou as oficinas xerais de milladoiro, nas que se gastaron máis de 100.000 euros.
A creación dun parque accesible e integrado en milladoiro, cun custe de máis de 60.000 euros.
A adaptación da praia fluvial de tapia, ou da praza da maía cun gasto de 70.000 euros
A posta en marcha do obrairo accede co que se fixeron varias obras de accesibilidade en pasos de peóns ou prazas.

E podo dicir con orgullo que este é o goberno que máis sensibilidade ten e que máis investiu en accesibilidade, pero non vai a quedar aí, xa que ata o final do mandato está previsto gastar outros 500.000 euros.

E vou a ir rematando falando de servizos, comenzando polo ciclo integral da auga, xa que o pasado ano foi o cambio da empresa concesionaria e, polo tanto, a marcha de acciona e a chegada de espina e delfín. Eu creo que todos os usuarios e usuarias saímos ganando co cambio porque o contrato asinado ten moitas vantaxas que non tiña o anterior, tanto para o concello como para os veciños e veciñas.

E, ademais, que é o paso previo e o que nos dará os datos definitivos para a municipalización do ciclo integral da auga. Ata o de agora os datos amosan que municipalización deste servizo vai a resultar rentable para o concello, pero teremos que esperar á incorporación do enxeñeiro que xestione este contrato e que empezará nos vindeiros meses.

Dicir tamén que conseguimos abrir o cemiterio municipal, o cal todos e todas sabemos cal era a súa situación de abandono durante o mandato anterior, o cal sufríu todo tipo de vandalismo e roubos. Desde fai 8 meses aproximadamente está aberto todos os días e hai persoal que coida, vixía e atende ás persoas que se achegan alí. E foi o ano pasado cando se adxudicaron os primeiros nichos e panteóns.

Agora queda poñer a funcionar a sala velatorio co que culminaremos a posta en marcha definitiva do cemiterio.

E vou a rematar xa cun dos logros máis importantes deste goberno e do que eu, a título persoal, me sinto máis satisfeito, como é a creación da Agrupación de Voluntarios e Voluntarias de Protección Civil de Ames. Unha agrupación creada fai medio ano aproximadamente, e que xa na actualidade conta con máis de 30 persoas que colaboran activamente en distintos servizos e operativos, tanto no concello de ames, como axudando noutros concellos.

A finais do pasado ano levaba realizados máis de cen operativos. E dando pasos importantes encargándose, coa concellaría de medio ambiente, do control e eliminación da vespa velutina, e da recollida dos animais soltos ou abandonados.

A principios deste ano, e co apoio do vicepresidente da xunta de galicia, abriuse a base operativa da agrupación onde se atende e sen fan gardas. E no mes de febreiro a dirección xeral de emerxencias fíxolle entrega dun desfibrilador semiautomático. Está claro que é unha agrupación de recente creación, pero que se está a convertir nun referente pola súa labor.

Agora toca ir máis aló e ir dotando a este colectivo de máis medios técnicos: vehículo propio de intervención, formación, e outros material necesario para un bo desenvolvemento da súa tarefa.

Ata aquí ben un resumo do traballo realizado durante o pasado ano pola concellaría de urbanismo, obras e servizos básicos.

Sobra dicir que o grupo socialista nos sentimos orgullosos da tarefa realizada, e sabemos que este goberno se está a consolidar entre os e as amesás, xa que o cambio nótase de maneira clara. E, sen dúbida, unha das claves dese cambio é a atención directa e diaria aos veciños e veciñas de ames, porque as portas do concello están abertas de par en par para escoitar e falar con todas aquelas persoas que así o solicitan.

Tamén é certo que quedan moitas cousas por facer, pero non é menos certo que quedan aínda algo máis dun ano de traballo, e moitos cartos por investir e gastar para beneficio dos e das amesás. E como me dicía fai uns días un veciño de Bertamiráns: pouco a pouco, sen facer moito ruído estades a facer moitas cousas.

Boas noites a todas e a todos.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.