O fin dun capítulo

Publicado Persoal 0

Paula

Unha persoa non sabe o que é querer de verdade ata que ten un fillo ou unha filla. Eu sóubeno fai hoxe 18 anos.

Quéreslle moito a teus irmáns, aos teus amigos e amigas; veneras a túa nai e a teu pai; amas á túa parella; … pero, definir ou cuantificar o moito que sentes e lle queres a un fillo ou unha filla é imposible.

Eu, como xa dixen ao principio, descubrino fai 18 anos, porque o 30 de marzo de 1998 naceu Paula e con ela descubrín un mar de cousas, de novas experiencias; dinme conta de que dentro da miña vida existía outro mundo distinto, outra realidade que che pon a proba todos os días e che examina a cada minuto, porque ser pai -ou nai- non é nada doado, sobre todo nos comezos. Hoxe Paula chega a esa ansiada maioría de idade: xa pode conducir, votar, entrar soa aos concertos, mercar alcohol e tabaco, etc. etc. é dicir, cruza esa liña vermella ficticia que fixa cando unha persoa xa é adulta (aínda que hai algunhas persoas que cumprirán 80 e nunca serán adultas) Pero, hoxe non só é Paula a que pon fin a unha etapa da súa vida, hoxe eu, como pai, tamén chego a esa maioría de idade na que debo de someterme a unha reválida persoal e íntima para saber se cumprín os meus obxectivos paternais.

Puff!! Acabo de reler o que escribín e menuda chapa acabo de soltar. Pois iso, que Pauliña deixa atrás a súa adolescencia e pasa a formar parte dese selecto grupo de persoas adultas, ou o que é o mesmo de persoas que adquiren responsabilidades e teñen que empezar a marcarse obxectivos vitais, aínda que eu teño claro que no caso de Paula xa fai tempo que se sacudiu a idade do pavo e se fixo maior e responsable, porque ela sempre tivo un grado de madurez que estaba por riba da súa idade.

Paula foi a primeira, e como tal foi a que me ensinou todo o que sei como pai, aínda que cada fillo ou filla é distinto. Dela lembro, así de golpe, aquelas noites nas que se escapaba para xunto de min para a cama, e se súa nai non a deixaba vir de repente aparecíanlle dores de todos os estilos para poder ter a escusa de quedarse a durmir ao meu carón. Lembro as camiñatas dos dous sós polo paseo marítimo de Boiro e as nosas conversas. Lembro cando me pedía con insistencia e con só oito anos que lle fixese un blog. Lembro a primeira vez que comeu un anaco de polo ou un xeado de cucurucho. Lembro as nosas discusións. Lembro os seus escasos abrazos e os seus contados bicos. Lembro os seus «quéroche». Lembro a súa curta carreira deportiva. Lembro cando lle dicía que tiña que ler porque nos libros atoparía todas as aventuras. Lembro o día que lle dou o chupete aos Reis Magos. Lembro cando quería ser bióloga mariña. Lembro tantas e tantas cousas que non me collerían neste blog, porque estes 18 anos deron para moito, para cousas boas (a maioría) pero tamén para momentos malos. Lembro agora o moito que teño chorado cada vez que pensaba que lle tiña que dicir que ía a marchar da casa e que non ía a poder durmir furtivamente máis noites con ela. Lembro o día que sentado na mesa da cociña súa nai e eu lles dixemos que nos separábamos. Lembro aquel verán, o primeiro, que non parou de chorar. Lembro os días que me sentía fracasado e decepcionado como pai. Son moitos os recordos porque 18 anos dan para moito. Pero por sorte a báscula da vida inclínase claramente cara o lado positivo.

Pero hoxe Paula e eu rematamos un capítulo da nosa vida, pero non teño dúbidas que aínda temos por diante moitos máis capítulos que escribir nos que escribiremos párrafos máis longos e outros máis curtos, e contaremos historias máis alegres e outras que serán máis triste, pero serán as nosas lembranzas, o noso caderno de bitácora.

Paula, con estas liñas só pretendía expresar e deixar constancia do moito que che quero, e darche as grazas por estes 18 anos e polo moito que me ensinastes, e tamén pedirche perdón por se nalgún momento che decepcionei ou nun estiven ao teu lado cando me necesitastes (isto é o que máis me doe) sabes que a min non me gusta facer promesas, pero hoxe … aquí … prométoche que che quererei toda a vida.

E ala!! Que me estou poñendo moi ñoño e eu teño unha imaxe de tipo borde que teño que manter. Parabéns!!!

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.