Chegou!!

Publicado Persoal 2

2016-01-08 21.42.09

Chegou xaneiro mollado
chegou a choiva do inverno
e sabendo que chegaba
non foi menos esperado.

Chegou a derradeira noite,
e comezou o aninovo
pero antes de recibir aos Reis,
antes de dar os regalos,
chegou con presa e chorando
o regalo máis amado.

Chegou Xaime en xaneiro e
veu para cambialo todo,
máis sabendo que chegaba
non foi menos esperado.

Aquí está ao noso lado
alegrándonos a vida,
esta cousiña pequena
que foi e é tan desexada.

Xaime, meu querido Xaime,
chegastes e chegastes ben,
e damos as grazas por terche
porque só con poder mirarche
xa enches a casa de amor.

Foi o día 4 de xaneiro, ás 19:30 horas. Xa era de noite e cando me chamaron ao paritorio pensei que era para estar con Eva antes de que a mandaran ao quirófano para facerlle a cesárea; pero non, non era para iso, era xa para presentarmo … «este é o teu fillo» me dixo amablemente e con cara de complicidade a auxiliar. Eu non o podía crer, porque facía pouco máis de quince minutos que estivera con Eva e nos dixeran que por razóns médicas preferían quitalo mediante operación. Pero aí estaba, como un regalo, envolto entre mantas e cun gorro que case lle cubría toda a cara.

Pequeniño, colorado, tranquilo, de mans e dedos moi grandes e de orellas resultonas … nun puiden evitalo e ao igual que me pasou con Paula e con Nerea a emoción puido máis ca min e caéronme as bagoas. A verdade é que a sensación de ter un fillo ou unha filla é algo que é moi difícil de explicar, eu intenteino coas dúas primeiras e foime imposible, aínda que todos os nacementos foron de maneira distinta. Aínda que mentres estaba ao lado de Xaime mirando para el e cargado de emoción botaba de menos poder abrazar a Eva e darlle uns bicos, porque o que si teño claro é que ese momento é para compartir coa persoa á que máis lle queres e coa que fostes capaz de traer á vida algo tan bonito.

Xaime é pequeniño, pesou 2500 gr. e mediu 47 cm., pero iso é o de menos, porque como di miña nai: «xa se criarán fóra». Este venres mandáronnos para a casa e agora ven o proceso de habituarse a convivir cun bebé, a fixar a axenda e as prioridades en función das súas necesidades, pero é cuestión de acostumarse. As noites xa serán distintas durante moitos meses, porque os biberóns, os pañais, os mocos, as bagoas e demais vanse impoñer á tranquilidade da vida rutinaria; pero, ao final hai algo que alegre máis unha vida que un fillo?

Despois de contarvos todo isto, aproveito para darvos as grazas a todos e a todas as que estivéstedes aí; preguntando, mandando mensaxes polo Facebook, polo Whatsapp, chamando, visitándonos, etc. pero sobre todo aos meus compañeiros e compañeiras (do concello e do Partido), ao persoal do concello, aos Quisquis e aos Cokes, a Su porque sempre estivo e está pendente, á miña familia (Luísa, Lis, Diana, Leti, Alberto), á familia de Eva (Jaime, Luz Divina e Gonzalo), a meus pais, a Paula e a Nerea, a Lage (que foi o portavoz oficial do nacemento), a Manola (que sempre está), pero sobre todo a ti meu amor, que sufristes máis ca ninguén e levastes a este regalo na túa barriga estes nove meses, a ti que aínda que berremos de vez en cando sei que me queres (e eu a ti), … a ti, Eva, porque pase o que pase sempre haberá algo que nos manterá unidos para sempre (aparte da hipoteca). Grazas!!! Quéroche!!!

2 Responses

  1. Nieves
    | Responder

    Noraboa ! A desfrutar del na compaña de Eva… e xa sabes que logo medran asi q aprobeitao.Bicos

  2. Manuel Nuez
    | Responder

    Enhorabuena, que sea el principio de la felicidad

Responder a Manuel Nuez Cancelar respuesta

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.