Son persoas!!

Publicado Persoal, Rajoy 0

niño

Son emigrantes libios, afganos, paquistanís, sirios, nixerianos ou eritreos. Aínda que iso é o de menos, porque son persoas … homes e mulleres que están morrendo mentres o que chamamos ou coñecemos como primeiro mundo mira para outro lado, preocupado pola fichaxe de De Gea, os premios da MTV, o grande que ten o cu Kim Kardashian, o europeo de basket e outras frivolidades que ocupan o primeiro posto nas listas de prioridades da meirande parte dos e das cidadás de Europa.

Máis de 350.000 persoas chegaron ás costas de Europa nos últimos oito meses -segundo lin hoxe por aí- no que parece ser a maior oleada migratoria desde a 2ª Guerra Mundial, pero iso é o de menos; aquí, no mundo civilizado estamos a outras cousas de máis importancia, mentres miramos de esguello as imaxes de barcos repletos de xente que chegan a Grecia, Italia, Malta ou España -os que teñen máis sorte- ou de corpos de persoas flotando no Mediterráneo. Pero, debemos pensar que iso que vemos agora que lle pasa a estes pobriños africanos que queren vir a vivir a Europa pode pasarnos a nós ou aos nosos fillos calquera día, e o inocente rapaz morto nunha praia grega que hoxe nos impresiona e nos fai reflexionar, ben podería ser alguén dos nosos se a situación que vivimos fose outra e tivésemos que ser nós os que fuxísemos da nosa terra por unha guerra, pola fame ou por unhas condicións políticas de falla de liberdade e de persecución. Non deberiamos de esquecer, que este éxodo migratorio en busca dunha vida e un futuro mellor xa o temos sufrido fai moitos anos os españois, pero especialmente os galegos e as galegas.

Pena é o sentimento que me rodea ao ver estas fotos, pero a rabia e a vergoña é aínda moito máis forte, sobre todo cando vexo aos dirixentes dos países europeos pelexando por non repartirse a carga de ter que recoller e axudar a estas pobres persoas que agora máis que nunca é cando nos necesitan; e, especialmente cando o goberno de Mariano Rajoy se dedica a mercadear con vidas humanas e regatea no número de refuxiados que España debe de acoller … Realmente vergoñento!!!

Egoístas e insolidarios, iso é o que demostran ser as persoas que nos dirixen, e nós somos cómplices desa actitude porque calamos e pensamos que, por sentir uns minutos de pena e compartir unha foto no Facebook cun comentario sensible, xa fixemos unha boa acción amosando a nosa humanidade; e ao pouco xa volvemos a interesarnos polos temas frívolos que inundan a nosa irracional.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.