15 anos non son nada, ou si

Publicado Persoal, PSdeG 0

No meu despacho

Fai 15 anos, aló polo 2001, eu tiña moita menos panza e no meu pescozo non existía nin rastro de papada, fumaba dous paquetes de Ducados, vivía en Boiro, tiña só unha filla de 2 anos … e estaba cargado de ilusión e moitas ideas para cambiar as cousas. Fai 15 anos empecei a traballar na sede do PSdeG, na rúa do Pino.

Como xa contei moitas veces nesa época eu traballaba coas Xuventudes Socialistas de Galicia e estaba en Santiago tres veces á semana, e un bo día, a finais do ano 2000 Antón Louro, secretario de Organización naquela época quixo que me incorporase á plantilla do PSdeG; sobra dicir que para min foi unha satisfacción e unha alegría.

Fai uns días, despois de quince anos vou a poñer un punto e seguido á miña situación laboral e vou a deixar durante un tempo o meu traballo na Rúa do Pino. Atrás, sen dúbida van a quedar moi bos recordos e un saco cargado de anécdotas e vivencias cuns compañeiros e compañeiras nos que tivemos altibaixos na relación pero que non se diferencian moito dos que pode haber nunha familia calquera. Con Víctor, Agustín, Chus, Cruz, Javi García, Teresa e Quintáns pasei moitos días, con algúns deles máis que con membros da miña familia, pero tamén os pasei con Moas, que vai a facer un ano que nos deixou, e do cal non me quero esquecer, porque a pesares das innumerables discusións tamén gardo un grato recordo das horas que pasamos falando de política ou daqueles días que íamos a comer o polbo e o raxo.

A verdade, é que canto máis avanzo nos párrafos máis sentimental me estou a poñer e máis lembranzas me veñen á cabeza, e sempre cargadas de bos recordos e do moi bos compañeiros e amigos: Darío, Fernando, Carnota, … o fantástico Dieguiño, Ángela, Anxo, e outros moitos. Seguro que xamais terei momentos tan bos como aquelas horas que pasábamos ao carón da mesa redonda vacilando e ríndonos. Pero aínda que poida parecer o contrario tamén traballábamos, e moito. O mérito nos resultados sempre os levan os que poñen a cara, pero coma sempre pola parte de atrás hai xente que pasa horas e horas programando, organizando, planificando, currando, etc. etc. e que en ocasións é pouco agradecida e recompensada no seu esforzo. Algo que sempre me cabreou moitisimo era cando viña alguén de fóra e era máis apreciado e respectado que os que estábamos na “casa” e moitas veces só se dedicaban a vender fume.

Intentar resumir 15 anos en poucas frases non é doado, pero tampouco o bo a intentar facer … quizais o deixe para as miñas memorias, xa que Víctor non se atreve a escribilas, e el seguro que ten moito máis que contar ca min. Eu vou a quedarme só cos bos momentos, porque traballar no PSdeG fixo posible que acadase un sono: o de traballar por aquelo no que cría, e por defender unhas ideas que sempre tiven como bandeira; eu sempre digo que son un privilexiado, que ademais puiden traballar e coñecer a líderes socialistas como Felipe ou Guerra, coincidir e compartir momentos cun tal Zapatero, que cando saíu elixido Secretario Xeral do PSOE viña a Galicia habitualmente e veraneaba no Porto do Son, a Rubalcaba ao que acompañei por toda España nas xerais de 2011, ou a Pedro Sánchez ao que tiven a sorte de coñecer no 2005 e coincidir en Ferraz anos despois, e traer a Ames cando era un completo descoñecido, e poucos meses antes de ser elixido en primarias Secretario Xeral. Como digo, son moitos momentos e moitas persoas: Antón Louro, Ricardo Varela, Mar Barcón ou Pilar Cancela cos que tiven a honra de traballar na Secretaría de Organización, con Pepe Blanco, co que traballei uns meses en Ferraz e despois en Galicia nunha campaña de Europeas; ou, Emilio Pérez Touriño, co que compartín quizais un dos momentos máis felices cando conseguimos a presidencia da Xunta de Galicia, ademais de acompañalo en moitos actos e viaxes por todo o país, desde o 2001 ata o 2009. Nos últimos meses tocoume traballar con José Ramón Gómez Besteiro, o cal me fixo volver a crer na posibilidade de chegar outra vez ao goberno da Xunta de Galicia, e do que espero que saia fortalecido desta situación de acoso e persecución xudicial na que se atopa agora mesmo.

Seguro que me esquezo dalgunhas persoas, aínda que de outros o fago de maneira voluntaria, porque creo que non merecen ser citados, e xa o di o refrán: non hai maior desprezo que non facer aprecio.

Laboral e politicamente para min ábrese un novo escenario, co cal, sinceramente fai pouco máis de dous anos non contaba nin nos meus mellores sonos, pero está claro que a vida trae sorpresas cando menos o esperas, e a min neste caso sorprendeume gratamente fai algo máis dun ano cando se me abriu a posibilidade de ser concelleiro en Ames, e despois das eleccións municipais de maio cando tivemos a ocasión de gobernar. Agora vou a dedicarme en exclusiva aos veciños e veciñas de Ames, aínda que sempre terei moi presente o meu traballo na Rúa do Pino e tentarei visitar aos meus compañeiros e compañeiras de maneira habitual, porque como dixen antes, este é un punto e seguido.

Pero, sen dúbida o mellor que me aportou o meu traballo no PsdeG foi o poder coñecer a tantas e tantas persoas que de maneira altruísta e desinteresada, perdendo cartos e tempo se dedican por toda Galicia a defender o socialismo. Esas persoas son as que merecen todo o meu respecto, e todo o tempo que adiquei a traballar no Partido, son moitas as que se me pasan pola cabeza: Vergara, Cándido, Delfín, Cuqui, Cata, Chema, Ruíz, Julio, Suso, Miguel, Félix, Álvaro, Cendán, Martín, Bibiana, Teresa, Jacobo, Jose de Melide… puff!! Centos e centos de compañeiros anónimos na maioría dos casos que traballan a reo nos seus concellos e nas súas agrupacións e que poucas son as veces que reciben unha palmada no lombo de alguén da dirección, ou que se deitan infinidade de veces decepcionados polas decisións “dos de arriba” porque nunca contan con eles, pero ao día seguinte, cando se levantan xa volven a ser os primeiros en dar a cara e defender ao PSOE; esa é a verdadeira casta -de calidade- do socialismo. Grazas a todos e a todas por estar aí e traballar día si e día tamén.

Pouco máis me queda que dicir que isto só é un ata logo, e que aínda que estea en Ames o meu teléfono, Facebook, mail ou o que sexa sempre estará aberto para axudar e atender a calquera compañeiro ou compañeira que o necesite.

Grazas a todos por aguantarme estes quince anos, especialmente a Lage -sempre-, Loli, Yoya, Chema, Silvia, Gonzalo, David -Os Cocacolos- a Iván, Nico, Vergara, Antón, Javi, Fernando, Diego, Alberto Doce, Modesto; a Pilar, a Mercedes e a Eva; aos madrileños Santos, Alex, Juanma Aceña, Inma, Sergio, José Manuel, Vica; aos compañeiros e compañeiras de Ames -todos menos un- e ao mellor que me dou este Partido, á miña Eva (AM).

15 anos despois, teño máis panza e máis papada, deixei de fumar, vivo en Ames, teño unha filla de dezasete anos, outra de doce e outro/a en camiño (se todo sae ben) e sigo cargado de ilusión e de ideas, e con moitas ganas de traballar.

Vémonos no camiño.

Ampliación: Que non se me enfade ninguén que pensaba que cría que debería de estar citado e non o fixen. Sorry

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.