Nunca pensei que entre os posibles post que publicara no meu blog puidese facer algún contra Coca Cola. Eu son un consumidor habitual deste refresco de cola, e sobre todo desde fai cinco anos cando deixei de fumar e substituín o vicio do Ducados polo de unha Coca Cola fresquiña.
A Coca Cola chegou a estar tan presente na miña vida, especialmente nos últimos anos, que ata me levou a formar parte dun grupo de amigos e amigas únicos cos que vivín e espero seguir vivindo experiencias únicas. Sempre lembro que esa amizade fíxose moito máis forte a partir dunha campaña iniciada en Twitter e Facebook que levaba por nome #FreedomForGodial e que defendía a liberdade de Gonzalo para poder beber Coca Cola Zero. Xa sei que é un tontería, pero algo que naceu como unha broma forxou un grupo chamado os CocaColos que a máis de un levantoulle varias dores de cabeza, e houbo individuos preocupados pola incidencia e importancia que podían ter os nosos comentarios en determinados ámbitos. Incluso se chegaron a crear grupos paralelos para contrarrestar aquelo sobre o que este grupo de amigos e amigas puidésemos comentar ou dicir. Si, seino … !!! Non hai cousas bastante máis importantes polas que preocuparse, pero hai xente que ten moito tempo libre e non tolera e moito menos entende que existan persoas que teñan unha relación de amizade sen que medie ningún tipo de interese máis que o de pasalo ben e botarse unhas risas.
Pero o tema non é este, eu só pretendo solidarizarme cos traballadores e traballadoras de Coca Cola que están inmersos nun ERE e que polo tanto ben como o seu posto de traballo periga; persoas que son pais, nais, fillos, amigos, … que puidera ser calquera de nós e que estes días sofren e non dormen pola preocupación de quedarse na rúa despois de anos traballando para unha empresa que ao final só os usou como mercadoría, e que teñen uns dirixentes tan ineptos que só ben como solución para poder obter máis beneficios ou aminorar as perdas (se fose o caso) despedindo ao persoal, é dicir acudindo sempre á medida máis doada.
Eu pasei por esa sensación de impotencia e indignación que sofres cando alguén que cobra dúas, tres ou catro veces máis ca ti decide que sobras porque es un sitio por onde recortar para que el poida seguir ganando o mesmo -ou incluso máis-, e decide que xa non vales … que todos os anos que te levas entregando en corpo e alma á empresa non serviron para nada e cun desprezo noxento dinche que «non hai outra solución», que «eles non querían, pero …». Lembro as noites nas que non podes durmir, e os días nos que non tes ganas de falar con ninguén porque uns malos xestores, que son incapaces de asumir a súa responsabilidade, deciden que sexas ti e os teus compañeiros e compañeiras os que tendes que asumir e pagar a súa incompetencia.
Por iso, e sobre todo porque non se debe de mercadear coas persoas e cos seus sentimentos estou do lado dos traballadores de Coca Cola, e dentro das miñas posibilidades e coa tremenda decepción que me supón farei todo o posible para axudalos e apoialos desde a distancia; porque ningunha persoa se merece que xoguen coa súa supervivencia e coa súa vida.
Eu non acabo de entender como unha multinacional como Coca Cola que basea unha parte grande do seu éxito nas súas campañas de marketing pode permitirse desprestixiar desta maneira o seu nome en España. Non me podo crer que os seus dirixentes sexan capaces de chegar a estes extremos e máis se temos en conta que é unha empresa que da grandes beneficios no noso país. Pero que teñan en conta que a avaricia rompe o saco.
Deja un comentario