11 anos

Publicado Persoal 0

Outro ano máis, e parece que fai uns días que estaba pensando que canción dedicarlle a Nerea por cumprir os 10 anos, e resulta que xa estou aquí outra vez para dedicarlle un post polo seu 11º aniversario.

Quizais o deste ano é un dos «cumples» máis simbólicos porque como dixo ela onte «este ano vou cumprir o mesmo día que nacín». Víñamos ela, Paula e eu no coche, e súa irmán botouse a rir porque non entendeu o que Nerea quería dicir, e así aproveitaba para picala un pouco. Pero eu entendín perfectamente ao que se refería, a que cumpriría un sábado, o mesmo día de semana no que naceu fai once anos.

Fai once anos …!!! Data ademais simbólica porque foi a véspera da manifestación de Nunca Máis en Santiago -este ano tamén a hai-. Como chovía aquel día!! É desas datas que sempre estarán presentes, e neste caso de maneira dobre.

Pero non me vou a poñer nostálxico, porque os aniversarios son datas de felicidade e ledicia, e hoxe é un deses días.

De Nerea pouco vos podo contar, ela segue como sempre: cariñosa e feliz, e a pesares de ir medrando continua tendo ese «toque» infantil e inxenuo que fai que en ocasións a queiras comer a bicos e che toque as fibras da sensibilidade, pero outras consegue que se che inche a vena do pescozo e teñas que botar un berro; pero ela é así, é capaz do mellor e do peor en cuestión de segundos. Eu no fondo teño medo a que chegue o día no que perda esa vena infantil que a fai ser tan natural e espontanea.

Só podo dicirvos que eu son feliz podendo desfrutar ao seu lado e vendo como medra e me vai facendo a min máis vello, pero como di miña nai: «É lei de vida».

Quéroche Nere!!

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.