Localismos de vergoña

Publicado Política 0

Estamos sufrindo unha crise de dimensións considerables. A xente está preocupada porque non ten traballo ou porque corre o risco de perdelo; porque observa como todos os seus dereitos como cidadán se van eliminando; como os prezos aumentan máis e máis cada día; como os bancos non dan crédito e somos eses mesmos cidadáns os que temos que sufragar os gastos derivados da súa nefasta xestión; como medra cada día máis a corrupción, e como uns individuos disfrazados de servidores públicos, mentres nos pedían que apertásemos o cinto ou falaban de austeridade, eles cobraban sobresoldos millonarios, etc. etc. etc.

Pois mentres todo isto pasa temos que ver como representantes públicos elixidos por nós, se enfrascan nunha loita por competir a ver quen a ten máis grande. Vergoña!! Sinto vergoña de ver estes días como hai alcaldes que se preocupan de cousas que aos cidadáns nos pasan de lado, porque temos necesidades moito máis importantes que preocuparnos por saber a que concello lle subvencionan máis voos ou se hai algún aeroporto galego que teña trato de favor da Xunta de Galicia. De verdade pensan que estamos preocupados por si Vigo, Santiago ou A Coruña teñen máis axudas para voos? De verdade cren que ao pai ou á nai que non ten que darlle de comer ao seu fillo lle preocupa se a Peinador chegan voos de Ryanair subvencionados pola Xunta? Quen pode pensar que a un dependente ao que lle retiraron a axuda lle interesa se hai que potenciar o aeroporto de Alvedro? Pero en que mundo viven estes alcaldes que teñen unha visión tan curta que só saben mirarse o embigo?

O realmente preocupante é asistir a semellante espectáculo esperpéntico no que en vez de sentarse e intentar arranxar un problema, que é para o que os eliximos nas eleccións, dedícanse a ameazarse mutuamente con nomearse persoas non gratas nos seus respectivos concellos e a descualificarse eles e as súas cidades pensando que iso lles vai a dar máis votos nas vindeiras municipais. Como poden pretender que a cidadanía non denigre e desconfíe dos políticos con eses comportamentos? Que credibilidade poden ter os partidos políticos cando a mesma formación defende posturas totalmente distintas, dependendo de cal sexa o concello no que se atopen. Vergoña!! Iso é o que sentimos os cidadáns cando asistimos impávidos a eses comportamentos infantís e de patio de colexio por parte daqueles que se cren deuses (ou césares) e non son capaces de sentarse a arranxar os problemas dos cidadáns.

Eu creo que o problema é que a maioría viven nun mundo de fantasía, nunha realidade paralela protexida por unha burbulla que lles impide ver a realidade e coñecer de primeira man os verdadeiros problemas das persoas para as que gobernan, e polo tanto, descoñecen os efectos reais desta maldita crise.

Enlaces de interese:

Caballero pide para Peinador los dos millones que recibe Lavacolla por la capitalidad

Santiago declarará a Caballero ‘persona non grata’ si no rectifica en sus «ataques»

Caballero: ´Si hay ayudas para Santiago debe haberlas para Vigo, eso no es atacar a nadie´

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.