Hoxe é destes días nos que quero presumir de filla e quero achegarvos a unha serie de traballos que veñen realizando dentro da materia de Tecnoloxía no IES A Cachada de Boiro.
Lara, Paula Vidal, Sanda e Paula García dentro dos traballos que lle mandaron facer nesta materia crearon unha cooperativa ficticia á que lle chamaron Tarchapis e coa que a través de distintos traballos audiovisuais tiñan que ir realizando diversos traballos para promover e potenciar tanto a empresa coma os produtos que deberían de realizar.
Postres ou lámpadas foron algúns dos encargos realizados e que, por exemplo, no caso dos postres serviron para recadar fondos para realizar unha viaxe escolar. Pero o mellor destas actividades é que serven para aprender e para desenvolverse dentro dun medio no que sempre é útil coñecer, que é o mundo tecnolóxico. A Paula todo isto encántalle, porque como se di no rural: «é digna filla de seu pai”, xa que todo o tecnolóxico e especialmente o mundo audiovisual é unha das miñas paixóns que por desgracia descubrín bastante tarde.
Este post, ademais de para presumir de filla, como dicía ao principio, é tamén para destacar o traballo desenvolvido no IES A Cachada, onde manteñen un contacto directo co alumnado e crean actividades diversas para que os alumnos e alumnas poden desenvolverse tamén fóra dos libros e collan conciencia do que pasa ao seu arredor e do que é o mundo real. Eu estou moi contento polo traballo realizado polos profesores e profesoras deste centro, xa que a Paula, ademais de ensinarlle e formala educativamente, tamén a están ensinando e formando como persoa, para que adquira uns valores e unha ética que tan necesaria é nestes tempos.
Só hai que ver algúns dos traballos que realizaron para que vexades cales son algunhas das súas preocupacións, como por exemplo a defensa da escola pública. E como non podía ser doutra maneira quero rematar felicitando aos seus profesores Ana Moreiras, Berta, Mariano, Joaquín, … e o resto que non me lembro dos nomes por tomarse tan en serio a súa profesión e por tratar aos nosos fillos e fillas como persoas sobre todo nestes tempos nos que hai tanto interese en desvalorizar e degradar a Educación Pública.
Deja un comentario