Olimpiadas para que?

Publicado Persoal, Política 0

Leo no Twitter a ese gran xornalista deportivo chamado Manolete –tono irónico- amosar a súa felicidade porque parece que Madrid está –outra vez- moi ben situada para poder organizar as olimpiadas do ano 2020. Segundo conta este especie de Rappel deportivo, que anuncia todas as noites tres ou catro fichaxes de futbolistas, e cuxo índice de acerto debe de rondar o 3 ou 4 %, pois parece que as a capital do Reino de España está moi ben situada porque Estambul vai retirar a candidatura e Tokio non conta polos seus problemas nucleares.

Despois de ler esto eu pregúntome a min mesmo: Pero pódese ser máis paleto?. E tamén me resposto: Pois polo visto non, e ademais de paleto tamén hai que ser parvo. Pero, non quero personalizar estas afirmacións –e descalificacións- no ínclito Manolete, xa que, desgraciadamente, hai moitos manoletes neste país que aplauden e apoian a organización destas olimpiadas en territorio hispano sen pararse a pensar o que significan e o que trae todo esto detrás; porque claro, podemos prescindir dunha sanidade e dunha educación pública e de calidade, podemos recortar en benestar e dependencia, temos que consentir que os nosos mozos e mozas teñan que emigrar, podemos permitir que se lle rouben millóns de euros a pobres e indefensos aforradores mediante as preferentes e as subordinadas, debemos aguantar que o paro ronde os seis millóns de persoas, temos que resignarnos con que cada día haxa máis pobres polas rúas e teñan que vivir da caridade, … e todo porque os nosos dirixentes nos din que hai que ser austeros e que nos temos que «joder» porque vivimos por riba das nosas posibilidades. E mentres tanto, mentres nos apretamos tanto o cinto que xa case non podemos respirar temos que permitir que cos cartos das becas, ou da investigación, ou das pensións, ou de todos en conxunto se organicen unhas olimpiadas para que os mesmos que nos levaron a esta situación de crise e afogamento sexan os que presuman despois e acaparen minutos de gloria diante das cámaras de televisión e nos xornais.

Non, rotundamente non; eu non quero olimpiadas en España, non quero que se continúen malgastando os meus cartos en festivais e fogos de artificio, quero poder negarme e quero poder dicirlle a quen nos manda que agora non é o momento de ir de ricos cando somos pobres, e que a austeridade ten que ser para todos e en todo. Que eu prefiro becas, pensións, educación, sanidade, investimento en I+D+i, emprego, …

Xa está ben de que nos tomen por manoletes e que volvamos aos tempos do “panem et cirquenses”.

Deja un comentario

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.